Unha das cousas que me gustaría ver na tele é a George Bush Jr., abandonando a Casa Branca cunha caixa de cartón entre as mans para levar as fotos da familia e os seus obxectos persoais. Unha das cousas que me gustaría ter visto na realidade é a Manuel Fraga Iribarne abandonando San Caetano cunha caixa de cartón entre as mans.
Son imaxes que só chegaran á ficción pero deberiamos preguntarnos por que podemos despedirnos con máis soltura e ironía de Bush que de Fraga, que ao cabo estaba moito máis cerca. Debe ser o tradicional sentidiño galego.
Máis ou menos todos teremos claro que os Estados Unidos de América non é o fogar dos valentes nin o de breogán, pero por se alguén ten dúbidas a maratón para despedir a Bush pode confirmar teorías. Tampouco é nada que unha parte do cine norteamericano non teña explicado por activa e por pasiva. «Déjà vu» vai demostrar que a xente pode cantar unha canción pacifista mentres marcha alegremente cara á guerra. Despois de todo, Neil Young vai ser algo inxenuo.
Se o fogar dos inxenuos abre as bocas ca fame, a solución non é a típica comida rápida americana. Cineuropa ten unha teima ca fast food, especialmente ca marca do pallasete. Este ano é Mclibel , a documental dun proceso no que a multinacional de Ronald denunciou a uns activistas de Greenpeace por difamación. A multinacional ecolóxica botouse atrás e foron quedando sos ante o espectáculo da xustiza. É o malo de algunhas das revolucións do occidente civilizando. Podemos facela, pero mellor quedamos para a fin de semana. We can at weekend .