A profesora da Facultade de Filoloxía Manuela Palacios presentou na Libraría Couceiro Palabras extremas: escritoras gallegas e irlandesas de hoy , un libro do que é coeditora con Helena González co resultado dun proxecto do Ministerio de Educación do que forman parte investigadoras das universidades de Oviedo e Barcelona, de Londres e de Dublín, e no que se implicaron como integrantes do Grupo Poesía e Xénero da USC, no que tamén está María Xesús Nogueira.
-¿Cal era o obxectivo do estudo?
-É unha análise comparada das literaturas irlandesa e galega, sobre todo das mulleres poetas nos últimos trinta anos, partindo de que hai situacións semellantes coma o discurso nacional, o bilingüismo e características sociais como a importancia que tivo noutro tempo o mundo agrario e a súa transformación. E despois de analizado todo iso, ver como están a traballar as novas poetas en relación con eses temas e os cambios actuais.
-¿A que poetas galegas analizan?
-A primeira parte é a nosa investigación centrada na poesía de Ana Romaní, Chus Pato e María do Cebreiro, que na segunda participan con ensaios e entrevistas sobre as dificultades das mulleres creadoras e estratexias.
-¿Ven semellanzas con Irlanda?
-Moi evidentes, como que haxa tantas e boas poetas, e que malia que as irlandesas escriben en inglés, comparten a reflexión sobre o problema lingüístico e a identidade híbrida.