O Centro Dramático estrea o ano repoñendo «Noite de Reis»

M. B.

SANTIAGO

A actriz Anabell Gago se incorpora ao elenco desta obra que acadou gran éxito de público nas anteriores representacións

06 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A obra Noite de Reis. Ou o que queirades , produción coa que o Centro Dramático Galego (CDG) acadou un grande éxito de público, será reposta a partir do xoves no Salón Teatro. Este espectáculo, dirixido por Quico Cadaval, fora representado entre setembro e outubro de 2007 e en xullo de 2008 colgando o cartel de «non hai billetes» en repetidas ocasións.

As funcións desta versión da obra de William Shakespeare desenvolveranse até o 31 de xaneiro neste escenario compostelán. Serán un total de 18 novas funcións durante as súas catro semanas de exhibición en Santiago. Os pases para todos os públicos celebraranse os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18 horas, mentres que os mércores e xoves -agás os días 8 e 15- desenvolveranse as funcións para institutos, para as que xa está cuberto todo o aforo.

O mesmo equipo artístico e técnico que participara na primeira montaxe do espectáculo volveu reunirse para preparar este regreso aos escenarios coa única excepción de Rebeca Montero, quen debido á súa participación en A boa persoa de Sezuán , a última produción do CDG, será substituída por Anabell Gago no papel de Violeta. Gago xúntase así á compañía que integran María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico , Marcos Orsi, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrín e os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Todos eles escenificarán, unha vez máis, esta divertida comedia de ambientación mediterránea que combina o xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor. Noite de Reis é unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Foi representada ao comezo da Restauración mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623. Trátase dunha comedia sobre as tolemias que o amor leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Iliria.

As entradas para as novas funcións no Salón Teatro poranse á venda no despacho de billetes dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros os venres e sábados, e 5 os domingos.