Isto non é unha crítica

La Voz

SANTIAGO

Se a un grupo de persoas calquera quítaslles o móbil e internet enseguida comezan a comportarse como personaxes de Beckett. Agás que estean nun balneario, que comezan a parecerse máis a personaxes de Chejov. Entre outras cousas porque o ruso tiña máis claro o asunto do sexo que o irlandés.

Os personaxes deste Centro Dramático Galego a punto de cambiar de xeira están atrapados pola circunstancia e illados a pesar de ter móbil. Quizais por iso a súa reacción é tan disparatada, porque cando non miras para o mundo non sabes que facer. E fas calquera cousa e cando a alguén lle deixan facer calquera cousa acaba optando, con ou sen ganas de protexer aos linces, por practicar sexo.

Así que o Centro Dramático Galego decidiu optar esta vez polo realismo deportivo e poñer a todo o mundo na promiscua actitude de cumprir cos ritos biolóxicos e os culturais e non aterse a ningunha das normas do bo decoro que, durante tantos anos, rexeron para o teatro institucional galego. O CDG foi quitar o corsé e quizais as crónicas do porvir -que palabra- digan que foi a última hora porque, desgraciadamente, para o tempo tamén pesa a perspectiva.

Están todos os personaxes de Manolo Lourenzo como unha farándula cativa e derrotada, con todas as contas pendentes e ca seguridade de que nada do esperado se cumprirá. Están, por dicilo de maneira elegante, liricamente vencidos e vitalmente entregados a causas mellores que a música ou a danza. Nen sequera son posibilistas, que é a peor maneira de chegar a un acordo co futuro, como se demostrou o pasado un de marzo. Son xente perdida. Unha miña parenta xa maior diría que son algo disipados. Pero para que entrar en conceptos morais.

O teatro, sen embargo, é circunstancia e a circunstancia teatral destes personaxes é estar rodeados da circunstancia institucional do CDG e de ver o mal que casan as dúas cousas. Pero á súa vez, o CDG está rodeado doutra circunstancia máis grande que se chama país (é un eufemismo, claro) e é aí onde as contas das vellas se cruzan e o pastiche tan inclinado a unha liberación algo antiga se encontra cun entorno que, en calquera caso, foi anterior. Os paradoxos son bonitos, efectivos, moito máis ca realidade no caso de que exista.

E a realidade do futuro ha saber merecerse esta obra. Ha saber poñerlle os ollos que precisa, aínda que a obra non mellore. Porque todos sabemos que Godot non vai chegar nunca.