A Biblioteca Pública Ánxel Casal celebrará mañá o Día do Libro cunha particular e orixinal iniciativa, Exposición 60 libros , para atraer aos lectores, unha imaxinativa proposta máis que se suma ás que esta biblioteca pública ven ofertando. En tan sinalado día exporá 60 libros recomendados por doce composteláns. Pero, ademais, con ocasión da celebración do día do libro, a biblioteca que dirixe Carina Fernández Faya lanza un novo e moi interesante servizo para os cidadán enfermos ou encamados e pon en marcha unha campaña informativa dos servizos da biblioteca.
A Exposición 60 libros nace como un intento de vincular máis á poboación coa biblioteca e facela partícipe das súas actividades. Para elo pediulle a 12 composteláns que recomendaran 5 libros cada un. Nesta selección participaron o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, o cociñeiro Marcelo, a actriz Dorotea Bárcena, as escritoras Marilar Aleixandre e Gloria Sánchez, o deán da Catedral, José María Díaz Fernández, o director do programa Hoy por Hoy da Cadena Ser, Luis Iglesias, a empresaria María Caeiro, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director da Biblioteca Nacional de Galicia, Xosé Regos, e un usuario elixido ó azar, Maquen Barreiro, en representación de todos os que acoden á biblioteca. Os libros serán colocados á entrada da biblioteca e poderán verse libremente no horario da mesa ata o día 30.
Con ocasión da celebración do día do libro a Ánxel Casal tamén lanza un novo servizo para os cidadáns enfermos, encamados ou que teñan problemas de mobilidade: Levásmoche os préstamos á casa! . É un servizo que trata de achegar a biblioteca a aquelas persoas que non poder achegarse fisicamente ata o edificio. Con este servizo a biblioteca non quere esquecer a este sector da poboación que pode atopar nos fondos bibliotecarios un medio máis de enriquecer o seu tempo e que por unha circunstancia temporal ou permanente non ten a posibilidade de vir a escoller os documentos á biblioteca. Cada caso estudarase e se é aceptado terá os seus préstamos na casa. A condición indispensable é vivir dentro do caso urbano e ter acceso co bus.
Por outra banda, a Ánxel Casal, leva toda a semana desenrolando unha campaña informativa que quizá se prolongará por máis tempo. Consiste en tomar a iniciativa á hora de dar información ós usuarios, preguntarlles se necesitan axuda e darlles a coñecer todos os servizos que hai na biblioteca e que moi a miúdo non se usan por descoñecemento como a biblioteca dixital. Aos usuarios se lles pasa un autotest para ver se explotan ó 100% os servizos da biblioteca, e se non o pasan pídeselles que pregunten simplemente.