Non son de aquí
, título como unha renuncia, é o sétimo poemario, máxico coma número, de María do Cebreiro, que a poeta presentou en público onte «sen ánimo de querer fundar nada,» como «un movemento que nega o movemento». Pouco antes do acto, María en movemento falaba do seu libro, palabras que disputamos ao vento, protagonista do novo poemario e da entrevista.
-¿Pódese falar e facer poesía ao mesmo tempo?
-Si, pódese facer poesía en movemento. Se nos desprazamos cando o mundo muda un pouco de pel sempre parece que saen cousas novas ou diferentes. Gústame concibir poesía e linguaxe en movemento.
-¿Cando ocorre que o mundo muda de pel?
-Os que facemos poesía queremos supoñer que ocorre nos poemas. Para iso hai que fuxir das condicións ortopédicas, un pouco escleróticas, da poesía.
-¿Por que renuncia a fundar algo con «Non son de aquí»?
-O discurso sobre a identidade encheu moito o discurso social. A min interésanme máis as palabras incertas. A «poesía proclama» non me interesa demasiado.
-¿Hai algo non identitario que proclame neste libro?
-Este libro é sobre as perdas, un libro de viaxe cara a ese horizonte de estar onde nós creemos que podemos estar, sen ese abeiro, sen eses lugares de seguridade que dás as certezas.