A escritora Teresa Moure abriu co seu pregón a Feira do Libro, que foi a estrea do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, nun acto público oficial
02 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Feira do Libro botou a andar con 17 casetas e un programa de actividades paralelas coas que reclama a presenza e participación activa dos composteláns e visitantes na carpa montada no paseo central da Alameda ate o vindeiro día 10. Botou a andar cun pregón da escritora Teresa Moure, que declarou esta cita como a «Estación dos libros». As intervencións oficiais no acto inaugural tiñan o engado da presenza do conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, que tomou a palabra despois da intervención da directora da feira e presidenta dos libreiros composteláns, Isabel Ares, e antes de facelo a concelleira de Cultura e alcaldesa en funcións, Socorro García. Varela Fariña subliño que para el era un acto moi especial, por canto «é a miña primeira intervención oficial como conselleiro». Foi moi breve e recordou dúas cousas, dous compromisos. O primeiro, que vai desenvolver a Lei do Libro aprobada polo parlamente galego na pasada lexislatura. O segundo, que vai axudar, «na medida do posible» a que no 2010, declarado Ano do Libro, medre o nivel de lectura ate situarse no nivel da UE, tomando medidas que incentiven e promovan a lectura «para que os nenos lean libros de todas as culturas». Teresa Moure engaiolou co seu pregón ao numeroso público que se deu cita na apertura do certame, se cadra porque ten unha voz doce e convincente que reclama a atención, e porque o seu texto, armado co seu característico estilo literario, conduciu ao auditorio nun percorrido polo mundo da literatura, do libro e da cultura, seguindo un itinerario cheo de fantasía que arrancou da estación dos libros, primavera ou andén do tren, tanto ten, dende a que a que transportou aos asistentes por paralelismos entre o libro e a lectura coa vida cotiá. Comparou as casetas dos libreiros con casiñas de mentira, de xoguete ou para mascotas, deténdose na estrutura, «un mercado de abastos literario con alimentos aptos para todas as dietas», que segue sendo necesario para saír en busca dos lectores que non van coa frecuencia desexable as librerías, «que algo deben ter de intimidatorio cando entran nelas tan poucas persoas». A autora galega máis galardoada nos últimos anos fixo unha chamada explícita a mercar libros, e a facelo nas librerías e non nas grandes superficies, que o teñen «no corredor lateral», e reivindicou o libro en galego como «sinal de identidade e berro de resistencia» cultural, e ó hábito de ler en «afección subversiva», lamentando que aínda haxa persoas «que non se alimentan todos os días coa lectura».