A cidade impulsa o uso do galego

SANTIAGO

O Concello aproba unha declaración institucional nunha sesión extraordinaria. A EGAP e a USC celebraron onte as actividades centrais do Día das Letras Galegas

16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello de Santiago convocou para hoxe unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local que tratará un único punto na orde de traballos: aprobar unha Declaración Institucional para o impulso social da lingua galega.

Unha demostración dese impulso serán as actividades do programa A Revolta das Letras , que promocionan varias concellerías e que contempla diversas propostas: a «liberación» de medio cento de libros por toda a cidade, nunha nova edición dun Bookcrossing , que busca a democratización da cultura; e actividades orientadas para diferentes públicos: A caixa de mistos , na Quintana, para os máis pequenos; a realización dun cadáver exquisito audiovisual, unha maratón fotográfica; Arte na rúa , na Alameda e no Toural; A conspiración dos poetas, en lugares públicos como Zara, supermercados Froiz, praza de Cervantes ou a charca dos patos da Alameda; O Turismo mental, pola cidade, con Quico Cadaval; ou proxeccións na praza de Abastos.

EGAP, USC e Renfe

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebrou onte a actividade central das Letras Galegas, coa presenza do conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda. Inaugurou a sexta mostra Colectiva das Artes e as Letras, con traballos dos empregados públicos. No acto houbo numerosas referencias a Ramón Piñeiro.

A USC presentou un libro sobre Ramón Piñeiro, coordinado por Antón Santamarina, con traballos de Andrés Torres Queiruga, Valentín Arias, Basilio Losada, Justo Beramendi, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Ramón Lugrís, Xesús Alonso Montero, Gabriel Rei-Doval, Henrique Monteagudo, e María Xesús Lema e Helena González. Estudan diversos aspectos da personalidades e produción de Piñeiro e editan nove textos -dous deles inéditos- para coñecer mellor a súa figura.

No acto, que presidiu o Reitor, Senén Barro, o profesor Beramendi proferiu unha conferencia sobre a traxectoria de Piñeiro. Salientou que este pensador e axente cultural do Grupo Galaxia iniciou unha nova etapa cando se instalou en Santiago, onde residiu no número 15 da rúa Xelmírez, e onde iniciou unha «estratexia a longo prazo», que considerou acertada para a promoción do galeguismo.

Renfe tamén se sumou ás Letras con carteis nos trens de media distancia, unha iniciativa apoiada pola Real Academia.