Un curso na USC analizou as diferenzas na Europa, e indicou que a maior parte de inmigrantes na nosa comunidade son portugueses e brasileiros
11 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O curso de verán Repensarmos Europa á luz das diferenzas. Procesos emerxentes e enclaves culturais , coordinado por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade, tentaba ser a presentación pública do Centro de Investigación sobre escrituras e procesos emerxentes (CIEPE), aínda non constituído formalmente. Bello promove na próxima semana un encontro sobre Ideas e identidades e o seu dinamismo , no Centro de Estudos Avanzados da USC, que se centrará na investigación na cultura.
-¿Que pretende o CIEPE?
-Fai parte dos novos centros de investigación, que se constitúen por iniciativa de grupos de investigación. Promove neste caso o de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, da Facultade de Filoloxía, que fixo un convite para que outros participasen. Houbo moitos que expresaron o seu interese, e finalmente está formado por oito: eles, e outros de Filoloxía, Filosofía e Economía.
-¿Que relación ten con este curso de verán?
-A emerxencia e os enclaves foron os temas que propuxemos para este curso, e a idea de repensarmos Europa, un asunto moi presente no debate social e científico que cuestiona as identidades monolíticas. Porque non se sabe moi ben o que é Europa, e dentro da propia Europa hai enclaves de moitas outras culturas; como hai enclaves europeos na América Latina fundamentalmente. A identidade europea ten dimensións múltiplas, tanto por fluxos de fora que veñen para Europa, como fluxos europeos que teñen ido historicamente para o exterior.
-¿Hai conciencia desa multiplicidade de identidades?
-É un asunto moi complexo. Nacira Guenif-Souilamas, unha profesora de socioloxía francesa de orixe arxelina, falou das imaxes que Francia xera sobre os emigrantes do Magreb e os seus descendentes, unha cuestión moi en debate. En París, Lisboa, Madrid, Barcelona e outras grandes capitais hai presenza de persoas de moitas orixes; e iso non ten un reflexo por exemplo en quen presenta e sae nos programas de televisión. Retoricamente é ben asumida a idea da diversidade, de que non existe unha identidade monolítica; cando non está asumida esa idea é á hora de crear modelos culturais.
-¿E como é a situación no noso país?
-Nun dos debates tamén se falou diso: non atraemos moita poboación emigrante, e a maioría dos que veñen á nosa comunidade proceden fundamentalmente do Brasil e de Portugal. A integración de moitos deles é a través do castelán. Existe unha idea moi asumida de que o galego nos liga ao mundo lusófono, e moita xente así o temos comprobado; porén esa emigración non se integra a través da vía da lingua.
-¿E iso como se explica?
-Porque o galego é utilizado na nosa sociedade máis como un ben que como unha ferramenta de conexión co mundo. E porque talvez de cara ao exterior aquí se está a vender unha imaxe máis relacionada coa identidade española que con elementos identitarios galegos. Moitos estranxeiros din que a paella é a mellor comida galega, a que máis identifica Galicia, mesmo entre moitos brasileiros existe esa idea segundo un estudo que se indicou neste curso. A imaxe que se transmite para os turistas está moi filtrada polos elementos máis típicos da identidade española, máis que por outros máis constitutivos da identidade galega.
-¿En que vai consistir o encontro da semana próxima?
-É unha actividade diferente, organizada polo Grupo de Investigación Galabra, que é ao que eu pertenzo. Participan seis especialistas: Rakefet Sefty, da Universidades de Tel Aviv; Graziella da Silva, da de Harvard; Humberto Martins, da de Trás-os-Montes e Alto Douro de Portugal; e Arturo Casas, Fernando Cabo e Elías Torres, da USC. Desde a Facultade de Filoloxía propomos unha serie de cuestións relativas á análise da cultura, e queremos coñecer o que fan especialistas doutros países e doutras áreas, como a socioloxía ou a antropoloxía. A enorme cantidade de información e as novidades científicas fan que hoxe se teña que traballar en equipo e interdisciplinariamente, superar individualismos e estruturas que non son funcionais.