Xente que cre en Coltrane 2

La Voz

SANTIAGO

16 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

De existir deus pareceríase máis a John Coltrane que a Eric Clapton. Coltrane era menos virtuoso.

Unha das cousas molestas dos virtuosos é que se exhiban. Na música moito máis porque a música, en moitos sentidos, é o contrario do virtuosismo. Coltrane non exhibía o seu virtuosismo, exhibía a súa potencia musical. Sumrrá esta a gravar o seu cuarto disco e aínda que a música non é cuestión de fe e o jazz menos, hai que crer na xente que cre en Coltrane. Non é unha relixión, é unha rede social.

Nas redes sociais o jazz non sempre está ben mirado porque hai xente que considera que é elitista e non caen na conta de que non é causa súa senón dos profesores de universidade sen currículo e dos periodistas que lles preguntan sempre que tipo de música escoitan. E eles din jazz porque parece de xente con estudos. Pero logo vas aos concertos e eles nunca están. Sumrrá non é jazz para profesores de ningunha clase. Fan jazz, quizais, porque é o xénero no que calquera pode facer case o que lle pete sempre que o faga ben e non resulta estraño. Ou porque é a música na que podes meter rock ou bolero, ou alalás, ou mesmo algo de folk e non hai ningún profesor que dende o fondo da clase se poña estupendo. Porque non van e porque se van só poden estar calados.