O mércores comeza a cita cinematográfica compostelana que promete un repaso ás películas máis recoñecidas nos certames europeos de este ano
31 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.No sentido máis aberto Michael Haneke e Michael Moore andan ao mesmo. Están molestos co mundo que lles tocou e cada un enfoca contra a parte que lle parece máis escandalosa.
Son dous dos exemplos da programación de Cineuropa que este ano, entre outras cousas, non regalará eses libriños que de tanto de balde acababan repartidos polas estanterías, polas guanteiras dos coches, polas cafeterías que rodean ao Teatro Principal e tamén nos cuartos de baños para aliviar as tensións da hora all-bran. Pero o fetichismo do libro non pode ser gratis.
Como levalos para calquera sitio era de balde esa mesma sociedade que tanto lle gusta retratar a Haneke e a Moore estiraba a man e aprendía as sinopse cada día estreando volume. Este ano ao estirar a man haberá que poñer unha moeda de cincuenta céntimos para que a viaxe non sexa en balde. Tampouco hai que apurarse, os compradores de bonos terán o libro do festival como de toda a vida: gratis.
Haneke e Moore poden ser dúas puntas de lanza do festival para ese pequeno gran público que ten renunciado ás salas comerciais pero que aínda gusta de un cine no que as catro dimensións da vida están no seu lugar. Que o lugar non sexa o mellor do mundo é unha reflexión que non lle corresponde en exclusiva ao cine nin aos seus autores.
Os espectadores menos exquisitos poden recuperar para eles a sección Mundo Asia. O cine oriental foise enchendo nos últimos anos de exquisiteces de cociña minimalistas que nunca acaban de quitar a fame. Pero con Takeshi Kitano non haberá tantas dúbidas á hora de calcular se o cine é diñeiro, imaxe ou metáfora. Quizais o director, entre programa e programa de humor amarelo, entre peli e peli de tiros permanentes, non ten tempo de calcular a caligrafía do seu cine. Quizais se lle nota.
Na sección oficial do festival están presentes algúns dos directores que teñen pasado con mellor nota dende que o festival existe: Ken Loach, Fatih Akin ou Costa-Gavras para demostrar que o cine europeo ten máis veteranía indie e máis tránsito dramático do que se encontra en moito do cine norteamericano que recibe con soltura esa etiqueta que, no fondo, é outro argumento de venta para algunhas medianas minorías.
Claro que para falar de cine europeo teríamos que falar de Portugal, pero na tradición cultural que Galicia importou de España Europa é unha cousa é Portugal outra. Seguro que é un reflexo territorial porque se para ser Europa hai que atravesar a Península...
O outro caso europeo é Galicia e o seu audiovisual que parece silencioso e desanimado. Así e todo e para ir abrindo fírgoas o festival sinalará algunhas direccións. Unha delas por subsanar unha eiva histórica: o remisa que é a cultura galega a falar de sexo.
Mentres ocupamos as mans en cousas serias e o festival recupera a fila do mancos para as súas sesións aínda queda o ciclo que conecta con Buenos Aires ou esa revisión documental que, ademais de Moore e de Polanski tamén se ocupará da transición en Galicia, deses anos de trencas, troikas e tabaco de batea do que moitas semanas non podemos contar coa certeza de ter superado de todo.