Unha actriz que se deixa dirixir

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Compostela asume protagonismo en todas as rodaxes que se fan nela

10 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Houbo un tempo en que o Obradoiro estaba cheo de simcas 1000 aparcados. Foi por ese tempo cando Andrés Dobarro foi filmado na parte de atrás descuberta dunha furgoneta correndo pola Rúa do Vilar mentres cantaba ao camiño que o levaba a San Antón. Pero non ía tan lonxe. Ía para o Obradoiro.

Do mesmo xeito que a xente di coñecer Manhattan porque viu películas de Woody Allen, Santiago é o espazo cinematográfico máis visitado de Galicia. Din os científicos que as imaxes do cine tenden a substituír as imaxes propias na memoria de xeito que a road movie que Roberto Vidal Bolaño inventara para o teatro en Doentes, e que se fixo película o ano pasado, poden substituír as vellas imaxes da Compostela de finais dos corenta capturadas nas publicacións vintage e que na cabeza do espectador pasan por recordos propios.

Doentes, aínda que conte unha historia, é unha desas películas que non podería ser se Compostela non conservase de xeito tan decidido o seu aspecto. Segundo o director da longametraxe exhibida en Málaga, Gustavo Balza, asegura que «a cidade é un protagonista máis, a chuvia , as rúas pequenas, Vidal Bolaño fai un retrato do Santiago vello que quixen conservar para a película».

A cidade tamén foi protagonista en A noite que deixou de chover. Alfonso Zarazua, na súa primeira película, volvía sobre unha época anterior e aproveitaba a enerxía da cidade en favor de certa fantasía bohemia. Quen atravesaba polas rúas aínda molladas era Luís Tosar, actor que aparece en case todas películas rodadas na cidade nos últimos tempos. 18 comidas sería un dos casos. Pero tamén era protagonista en Galatasaray-Depor ou Trece Badaladas, tres películas cunha intensa identificación urbana con Compostela. Na máis recente das tres, a dirixida por Jorge Coira, a cidade aparece moito máis cotiá que en calquera das anteriores. Déixanse ver as rúas nas horas tranquilas, nas horas sen espectáculo, servindo como fondo dun xeito natural a como se cruzan as historias da xente que busca dietas para ser feliz.

A cidade será moito máis protagonista cando saia o deuvedé desta longametraxe que esta mesma semana foi acollida con aplausos no festival de cine latino, en Chicago. A primeira versión da montaxe pasaba das cinco horas e unha parte dese material descartado estará no disco.