«As nenas aínda hoxe pensan que a ciencia lles é algo alleo»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Quixo coa súa conferencia sobre mulleres científicas «atacar a invisibilidade» deste colectivo no ámbito da investigación

12 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Non existe unha igualdade real entre homes e mulleres na ciencia. Iso é o que cre Manuel Bermejo, catedrático de Química inorgánica da Universidade de Santiago, que onte participou no ciclo Os Luns do Ateneo que organiza o Ateneo de Santiago. A conferencia fixo un repaso pola historia da ciencia e a achega do xénero feminino neste ámbito, moitas veces agachado detrás do apelido dos seus maridos.

-A súa conferencia titúlase «A muller na investigación química».

-Si, pero máis ben eu quero titulala A muller compartindo a ciencia. Quero recordar que este é o Ano Internacional da Química e unha das razóns é que coincide con centenario do segundo premio Nobel que recibiu Marie Curie e que a ONU recorde a actuación das mulleres no campo científico.

-Que aínda está escurecido hoxe en día.

-O que fago é atacar a invisibilidade das achegas das mulleres á ciencia a través de aspectos poucos coñecidos. Por exemplo, a Marie-Anne Lavoisier coñéceselle na ciencia por ser a muller de Antoine Lavoisier. E ademais, o premio Nobel de Medicina de 1962 recaeu sobre tres científicos homes (Watson, Crick e Wilkins) por descubrir a estrutura do ADN. Pois ben, Wilkins o que fixo foi piratearlle a Rosalind Franklin o seu descubrimento. Ela non puido obter o Nobel porque morrera da leucemia que lle causou a súa investigación con raios X.

-¿Era unha práctica habitual que as mulleres fosen coñecidas polo apelido do seu home?

-Era unha pauta social. De feito hai mulleres que se cría que eran homes. Pero o peor é que aínda segue a ser así hoxe en día. Hai dicionarios científicos moi actuais, por exemplo un do ano 2004, onde as mulleres que fixeron achegas aínda aparecen co apelido do home. Un exemplo é .Dorothy Crowfoot, á que aínda hai que buscar nestes dicionarios como Dorothy Hodking, que é o apelido do seu marido.

-¿As mulleres seguen estando á marxe da ciencia hoxe en día?

-Estes días fálase de que hai poucas mulleres na Real Academia Galega, pero é que na Academia das Ciencias non hai ningunha muller. As nenas aínda hoxe pensan que a ciencia lles é algo alleo. Dáse por suposto que o coñecemento é do home. Na prehistoria as mulleres eran as que facían os descubrimentos, pero fálase da especie humana, cando os homes xa tiñan abondo con cazar, protexer e reproducirse.

manuel bermejo catedrático de química inorgánica da usc