A PARTIR DE 4 ANOS
? «A visita dos domingos» (Matteo Gubellini, Oqo). Que os monstros non son sempre mala xente teñénolo advertido varios contos de papel ou de cine, como «A bela e a besta» ou «Shrek». Esta historia sobre a maxia da imaxinación fala do proveitoso intercambio entre pais e de fillos, amais de recordar que as aparencias enganan.
A PARTIR DE 6 ANOS
? «Que fai falta?» (Gianni Rodari, ilustracións de Silvia Bonanni, Kalandraka). Velaquí un mundo de detalles no que os obxectos cotiás adquiren o valor de extraordinarios. No pequeno está o grande. A poesía enfía un proceso dedutivo que resolve os primeiros porqués.
? «A cobiza do verme Noel» (Miro Villar, ilustracións de Marta Álvarez Miguéns, Galaxia). Esta metáfora arredor do egoísmo, que equivoca o camiño cara á felicidade, é unha das novidades da colección Árbore de Galaxia, que tamén vén de lanzar «O raposo colabranca», de Xosé Carlos Caneiro.
DE 9 A 12 ANOS
«A filla do ladrón de bicicletas» (Teresa González Costa, ilustracións de Jacobo Fernández Serrano, Xerais). Todos temos os nosos amuletos, obxectos sen os cales nos sentimos desprotexidos, cousas que nos fan fortes. Celerífera é unha bicicleta máxica, a que moitos quererían ter para igualar a axilidade de Serafina, a protagonista desta historia que acadou a distinción do Premio Merlín 2010.
A PARTIR DE 14 ANOS
«Noah Barleywater escapa da casa» (John Boyne, tradución de Carlos Acevedo, ilustracións de Oliver Jeffers, Faktoría K). O autor do «O neno do pixama a raias» vén de lanzar este conto de fadas, así o define o propio autor, sobre un rapaz que escapa da casa e vai dar a unha tenda de xoguetes máxicos. Libro fresco para refrescar o verán.
«O único que queda é o amor»
(Agustín Fernández Paz, Xerais) Este ano saíu en Anaya a tradución deste volume de relatos de vidas cruzadas galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil. Fernández Paz conquista a adolescentes (e aos que creron deixar atrás esa estraña etapa de tránsito) cun volume cheo de literatura.
A PARTIR DE 17 ANOS
«Indignádevos» (Stéphane Hessel, tradución de Fernando Moreiras, Faktoría K). Este manifesto dun dos redactores da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, chamada á resistencia fronte a un sistema inxusto e orixe do 15-M, está dispoñible en galego con prólogo do escritor Manuel Rivas. «Noah Barleywater escapa da casa», de John Boyne, é unha lectura refrescante, perfecta para o verán