O Museo do Pobo Galego expón unha escolma dos seus libros dedicados á arte contemporánea europea e galega
06 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.?A sala de exposicións do Museo do Pobo Galego ofrece desde onte a exposición Arte na Biblioteca Baltar. A arte contemporánea, unha mostra de libros de arte da Biblioteca Baltar. A exposición presenta unha escolma da sección bibliográfica de arte presente nos fondos doados ao Museo do Pobo Galego pola familia Baltar no ano 1995.
Rosa Méndez, bibliotecaria do Museo, e Mercedes Rozas, crítica de arte de La Voz de Galicia, son as responsables da selección dos exemplares, baseada principalmente nos libros de arte ilustrados e publicados na primeira metade do século XX: monografías de gran formato e revistas ou catálogos, nos que predomina claramente o surrealismo cunha postura de reivindicación social a través da arte.
«A idea da exposición -subliña Rosa Méndez- é mostrar a Biblioteca Baltar ao público. Para esta primeira aproximación escollemos un tema vistoso como é a arte, porque dentro desta sección hai auténticas marabillas. Para elo, cinguímonos á arte contemporánea, dividindo a sección en parte porque non é abarcable dunha soa vez».
A Biblioteca Baltar pasa dos 15.000 volumes e, segundo Rosa, a sección de arte non é o máis destacado, pero ten cousas moi atractivas de arte contemporánea. A bibliotecaria destaca un libriño dun catálogo dunha exposición surrealista feita en París en 1947, cunha pequena figura pintada por Marcel Duchamp. A primeira vitrina da exposición mostra o inicio das vangardas europeas, con monografías sobre Gauguin, Rodin, Degas, Kandinsky ou Bonnard, entre outros, e interesantes revistas que recibía sobre arte contemporánea Baltar, quen debía ser gran admirador de Picasso pois tiña moitísimos libros sobre él.
Outra vitrina de libros está dedicada ás relacións entre artistas e os escritores, con gravados moi interesantes. A exposición complétase coa parte dedicada a Galicia, con libros referentes a autores galegos, na que consta a amizade entre Baltar e Luís Seoane. En resume, a familia Baltar, como ben destaca Rosa Méndez, non só amaba os libros «senón que buscaban versións orixinais». Tres xeracións foron xuntando libros para conseguir «unha biblioteca variada, con pouso» que reflicte «a historia dos seus posuidores».