Melide celebra hoxe o Día do Río dentro do programa das festas patronais de San Roque

santiago / la voz

SANTIAGO

19 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Melide celebrará hoxe o Día do Río cun xantar na praia fluvial e área recreativa do río Furelos dentro da programación de festas do San Roque 2011. A xornada comezará coa música da charanga Tralla 101 e estará seguida dun xantar non gratuíto onde poderán participar todos os veciños e veciñas que así o desexen e onde se degustaran pratos típicos da terra como o polbo e o churrasco.

A tarde estará chea de actividades entre as que destaca a práctica de xogos tradicionais para todos que gusten de participar como son a rá, a petanca ou a chave.

Tamén haberá un campionato de tute que dará comezo ás 16.30 h onde poderán participar todos aqueles que o desexen e a parella gañadora poderá degustar unha comida ou cea nun restaurante de Melide, ademais da entrega de trofeos para o segundo e o terceiro premio.

Para os máis cativos da vila tamén haberá inchables e xogos diversos nas piscinas descubertas do Concello de Melide.

A nova alcaldesa de Melide e deputada en Madrid, Ánxeles Vázquez, destaca a importancia de poñer en valor a área recreativa do Río de Furelos para facela partícipe das festas grandes de Melide, co fin de que os veciños e veciñas poidan gozar dun ocio diferente, aproveitando a tempada estival.

Neste senso, as festas de San Roque terán mañá unha xornada moi especial. Tralo preceptivo disparo de bombas de palenque que despertará aos veciños a unha hora prudencial (10.30), pola noite haberá un concerto do grupo Cornelius 1960 no Cantón de San Roque. Cornelius 1960 é un grupo pop procedente de Vilagarcía de Arousa, creado no 2004 e cunha longa traxectoria. O seu estilo mestura rock, funky e pop acadando un estilo moi persoal.