Os rapaces galegos poden asistir dende primeiros deste outubro a un ciclo de cine no que o medio que habitamos revela algunhas das súas peculiaridades
19 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O cine é outra das grandes propostas que trae consigo o tempo de outono. Despois da refrescante realidade do verán, especialmente no norte, as carteleiras volven lucir grandes letras de estrea. Unha das películas da tempada é a que o realizador Terrence Malick rodou con Brad Pitt e Sean Penn, dous dos actores do reparto da singular El árbol de la vida, un filme que desatou paixóns encontradas, e mesmo indignación. Nel a natureza fala con voz propia, cos astros e enigmas do universo, coa ramaxe das árbores e cun caudal de auga sobre pedras que recorda a pegada dos dinosauros extintos. Cara á vida natural nos leva, tamén a través da chamada sétima arte, o novo programa da Obra Social Novacaixagalicia, que comezou a primeiros de mes un ciclo de cinema e medio ambiente no que os rapaces poden observar de preto a vida dun insecto como o escaravello, acompañar a unha tartaruga nunha viaxe, de ida e volta, na que atravesa a corrente do Golfo para ir dende unha praia de Florida ao norte xeado, ou escoitar o falar das rochas en Zumaia.
Xa no filme de animación HormigaZ, estreado hai máis de dez anos, tivemos ocasión de observar como funciona a cadea de traballo dunha colonia de formigas. Agora, a proposta de Novacaixagalicia, con Microcosmos, un dos filmes do programa, é descubrir a calidade como obreiros da construción dos escaravellos e ver o convoi no que pode converterse unha caravana de eirugas. En moitos casos, a animación está na mera realidade das cousas. Só cómpre deterse, e observala.
Organizado por Naturnova, este ciclo de cine segue a ofrecer no Centro Interactivo de Educación Ambiental da Fundación Novacaixagalicia, en Vigo, a proxección de filmes que permiten coñecer un pouco máis o mundo que habitamos, algunhas das súas condicións físicas e as calidades e destrezas dos seres vivos que o poboan. Garbage dreams, un documental sobre a supervivencia nunha cidade que vive do lixo, é o filme que se proxectará dende este mesmo mércores ata o domingo, día 23 (ás 20.30 e 19.00 horas, respectivamente).
Moi preto de El Cairo, está Mokattam, un asentamento de recolledores de lixo. Eles viven de aquilo do que se desfai a vida na capital. En Mokattam ese lixo é separado, clasificado e reciclado. Ata 60.000 persoas traballan na reciclaxe de miles de toneladas de residuos. Unha historia, unha película.