Tres décadas educando

X. A. Liñares

SANTIAGO

01 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

En Barcala, ata 1981, quen quería rebordar os estudos primarios tiña tres opcións: marchar fóra, prepararse por libre na Academia de Negreira ou a FP Agraria no Colexio Rural. Pero dende o curso 1981-82, a vila do Cotón, e para a contorna toda, ofrecía unha xeitosa opción ao alumnado: o Colexio Municipal Homologado de Bacharelato (CMHB) -sempre chamado Instituto-, que levaba dereito ao título de bacharel. Abría as portas á FP superior e á Universidade. Así ata o curso 1989-90, cando o CMHB medrou e estreou edificio, mudando ó IESP -xa logo IES Xulián Magariños-, con varias vías na secundaria.

Son trinta anos de camiño nunha realidade educativa que lle deu a moitas promocións xuvenís máis ampla formación, mellores perspectivas profesionais e, en suma, itinerarios misceláneos para encarreiraren as súas vidas. Nesta ruta do ensino secundario en Negreira hai moitos condutores e viaxeiros de toda a comunidade escolar. E parte deste grupo humano ímonos xuntar neste 3 de decembro, celebrando estas tres décadas frutíferas (1981-2011). Con nostalxias, con reencontros, con ledicia. Amais, inauguraremos o novo Centro de Estudos e Investigacións Barcalesas (Ceibar), punto de encontro da memoria e dos estudos comarcais. Despois imos compartir o noso xantar de empresa: dunha fábrica moi particular, acugulada de capital humano, do mellor dos capitais. Será o banquete desta factoría pedagóxica -o noso Instituto-, onde a diario partillamos moitas vivencias, apostando polos innegables valores da Educación. Facémolo con riscos, si, pero buscando espantar as primas de risco e as débedas soberanas na formación integral da nosa mocidade. E procuramos traballar hoxe, coma os da ilustrada aufklärung, co espírito kantiano do sapere aude!: ¡Atrévete a saber!