O veterano político deixa a corporación amiense despois de 25 anos
14 mar 2012 . Actualizado a las 12:11 h.Co remate do ano 2011, Carlos Fernández despediuse da política local en Ames coa súa renuncia ao cargo de concelleiro, unha acta que viña renovando dende hai case 25 anos. Toda unha vida da que di que marcha gañando tempo para el e para a súa familia e expresando o seu agradecemento ao PSOE por ter pensado nel para o cargo da dirección xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), institución da que tamén foi presidente.
-Vintecinco anos no concello de Ames, oito deles como alcalde, dan para moito. ¿Cal é o seu balance?
-O balance é inmellorable. Ter a experiencia de ser concelleiro no teu municipio de xeito ininterrompido durante 25 anos e de eses oito ser o alcalde é impagable e irrepetible. Tamén é un grandísimo honor, porque moi poucas persoas teñen a posibilidade de conseguilo.
-¿Cal sería o mellor momento de todo este tempo? ¿E o peor?
-Sen dúbida, o máis feliz foi a toma de posesión como alcalde no 2003 nun goberno de coalición, poñendo así o inicio dunha nova etapa no concello na que estou absolutamente convencido de que deixa fitos xa son irrenunciables para a cidadanía de Ames. E momentos tristes, hai varios, sobre todo os de ter que intervir en momentos dramáticos para os que non estás nin psicoloxicamente preparado, como cando morre un veciño nun accidente e estás alí ata que vén o xuíz a facer o levantamento do cadáver.
-Despois de oito anos de alcalde e de perder as eleccións. ¿Hai alguna cousa ou decisión da que se ten arrepentido?
-Hai que ser realistas. E seguro que cada día, cando fago balance hai cousas das que me sinto moi contento e tamén doutras que tería mellorado. Pero iso non quere dicir que en termos xerais teña moitísimas cousas das que teña que arrepentirme. En absoluto. Todo o que fixen en cada momento da miña vida foi de acordo coas circunstancias. Cando gobernas en coalición tes que adoptar medidas que supoñan o avance da coalición, tendo sempre en conta que non estás ti só. E cando gobernas, como fixen eu, en minoría, tes unhas circunstancias radicalmente distintas. e tes que tomar decisións tendo en conta ese escenario. O que tentei sempre foi tomar as decisións oportunas cos elemento que tiña enriba da mesa e ser sempre coherente.
-Despois de ter sido alcalde, ¿como se vive a derrota?
-Coa frase da miña filla ?Perdemos un alcalde pero eu gañei un pai?. E tamén co apoio da moita xente que me sigue acariñando e o do meu partido.
-Co seu futuro cargo na Fegamp non abandona o municipalismo nun momento de reflexión da política local. ¿Por onde deberían ir os tiros?
-Tampouco hai que tolear. As crises como esta teñen ás veces un efecto especial que fai que todo se poña en cuestión. E eu penso que é moi san intelectualmente cuestionar as cousas pero hai que facelo con sosego e cabeza. Penso que no momento actual as deputacións están tocadas, e non porque os que nos movemos no municipalismo teñamos opinións distintas. En Europa non entenden as deputacións despois do Estado das autonomías e vai haber presións nese sentido. Porque as ven anacrónicas. Pero ás deputacións hai que recoñecerlles que para os concellos pequenos foron moi importantes. Pero hai que pensar que son organismos que agora están para facer loxística distribuidora, pero nese traballo quedan co 30 % dos fondos en gastos de persoal.
- ¿Veremos fusión de concellos?
-Coñezo exemplos de concellos limítrofes que poderían. E por falar dalgún caso moi cercano, Ames e Brión teñen moito en común como para poderse fusionar. E hai mais casos, pero o que non pode ser é coller a fusión de concellos como a gran panacea. Se unes catro concellos moi envellecidos e cunha poboación moi dispersa fas un concello máis grande e máis ruinoso. O que si hai que facer é que os concellos teñan vida propia, fusiónense ou non.