A memoria como obxectivo

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A homenaxe a Díaz Pardo debuxa algunhas das caras do empresario

09 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Non parece que haxa palabras suficientes para sintetizar unha biografía de Isaac Díaz Pardo. Noventa minutos de homenaxe ao intelectual, empresario, artista, demostraron que a súa figura era moito máis grande do que unha homenaxe pode chegar a describir.

Con todo, as grandes liñas da vida de Díaz Pardo quedaron á vista. Mentres Ramón Villares tracexaba unha liña biográfica que tiña como obxectivo a Galicia e como fío condutor á memoria. O presidente do Consello da Cultura Galega explicou que Díaz Pardo «non quixo revancha pero tampouco quixo esquecer».

Gallego Jorreto identificaba a Díaz Pardo como un construtor de ideas. O tamén arquitecto Fernández Albalat recuperou memoria daquel mozo que foi pintor que o deixou e que «non quixo darlle importancia ao pintado».

Xusto Beramendi, do Museo do Pobo Galego, deu outra visión: «Moita xente viu en Isaac ao protagonista, pero no museo nós tivemos a experiencia dun Isaac disciplinado e que facía o que se acordaba, sen protagonismos». Xavier Seoane sinalou que todos os sinais deste tempo apuntan a que «botaremos de menos a don Isaac», a quen cualificou de «irmán e mestre».

O fillo de Díaz Pardo, Xosé Díaz, que falou no nome da familia, sinalou que era unha obriga «recompoñer o legado moral e material de Isaac Díaz Pardo», unha actividade que, segundo explicou tras agradecer todas as mostras de cariño e adhesión recibidas, tería que reunir un legado «impoñente e ineludible».

O presidente da Xunta pechou o acto para lembrar o obxectivo que tivo Díaz Pardo na súa vida, «tivo un compromiso chamado Galicia».