«A tribo toda baila» recolle nun dobre disco as cancións orixinais do grupo máis as versións realizadas sobre elas por bandas galegas
03 may 2012 . Actualizado a las 06:56 h.«Agora seguimos resentidos, pero é da próstata». Con esa ironía afrontou Antón Reixa a presentación de A tribo toda baila, o disco de tributo a Os Resentidos que o vindeiro día 12 terá versión concerto en Ourense.
O dobre cedé presentado en Compostela permite, segundo Reixa, o «odioso exercicio da comparación» ao ofrecer nun dos discos dezanove versións de temas do grupo e, no outro, as versións orixinais gravadas entre 1986 e 1994.
Os promotores do tributo, Roberto Sobrado, Miguel Mosqueira, Samuel Solleiro, Marcos Paino e Daniel Salgado, consideran, como sinalou Mosqueira, que é de «xustiza» un tributo a Os Resentidos. «A súa existencia lexitima a todos os que vimos despois e cantamos en galego», sinalou.
Reixa sinalou unha das diferenzas existentes entre o presente e a época en que o grupo que liderou actuaba: «Só nós utilizabamos o galego entre os que faciamos pop-rock, agora hai un cento de grupos que o usan».
Outro dos integrantes da banda viguesa, Rubén Losada, explicou que o disco vale para sacalo «dun erro» que tiña el respecto ao grupo: «Sempre pensei que non tiveramos influencia ningunha, pero escoitando o disco vou ter que dicir que me equivoquei». Para Reixa, o disco e as comparacións servirán para contrariar a vella teoría de Alberto Torrado, «o líder espiritual do grupo», segundo o vocalista. «El era esencialista e pensaba que só había un xeito de facer unha canción; o disco demostra que non», dixo. O concerto en Ourense reunirá a tres dos integrantes da banda máis a invitados como Miguel Costas, Julián Hernández, Luís Tosar, Uxía e Budiño. Reixa prometeu que Os Resentidos «non volverán» e que non cantarán «peor ca daquela». Engadiu: «O noso problema como banda non é afinar, é que estamos maiores e non podemos seguir sen permiso do urólogo».