Na asemblea celebrada en xullo do ano pasado os empresarios calculaban que habería que cubrir un capital social duns 3,3 millóns de euros e que a viabilidade pasaba por que entre abonados e afeccionados subscribisen cando menos 1,5 millóns. E incluso falaban de gañarlle tempo ao tempo e de facer a conversión antes de que acabase o 2011.
Na asemblea de finais de marzo o vicepresidente, cando xa se sabía a cantidade fixada polo CSD para a conversión (3.050.00 euros), falaba de que quedaba por cubrir algo máis dun millón de euros. Na semana posterior ao remate da Liga, Raúl López apuntaba que non tiña os datos exactos, pero avanzaba que debían faltar arredor de 1,5 millóns de euros. E finalmente o número de accións que se van emitir son 15.000 por un total de 1.875.00 euros.
Nas primeiras conversas mantidas polos empresarios ao remate da Liga Endesa apuntaban a repartir os 15.000 títulos en tres paquetes de 5.000, entre afeccionados, xente que non acude aos partidos de Sar (incluíndo aí colectivos sociais de todo tipo) e os propios dirixentes. Pero onte converteron aos espectadores de Sar en comerciais cunha misión sagrada.
E o que non admite discusión é que, dende as achegas dos abonados futuros accionistas do pasado verán (algo máis de 550.00 euros), non se fixo gran cousa para tratar de ir gañando terreo.
A implicación dos empresarios no proxecto do Obradoiro ten unha importancia capital. Pero a maneira de facer as cousas e de explicalas conta, sobre todo se non hai contradicións. E tamén axudaría poder medir esa implicación dos empresarios dun xeito máis nidio.