«O ADN non é a panacea para resolver os delitos»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

O Instituto de Criminoloxía organiza un curso de técnicas de investigación

18 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O Instituto de Criminoloxía da USC (ICUS) pecha este venres, día 20, o prazo de inscrición -cun custe xeral de 75 euros- no curso de verán Testemuñas que nunca minten. Métodos e técnicas de investigación criminal en España, unha continuación daquel curso que, baixo o nome de A pegada do crime tivo tanto éxito, xa que os do ICUS son os únicos das súas características en Galicia. Gumersindo Guinarte é un dos directores do seminario que comeza o día 26.

-¿Cales son esas testemuñas que nunca menten?

-Son os resultados dos métodos e das técnicas de investigación científicas. Son os datos que se obteñen das autopsias, dos laboratorios de toxicoloxía, das escenas onde se cometen os crimes e tamén os datos que obteñen os peritos en investigacións de delitos cometidos a través de Internet... Esas son as testemuñas que nunca menten.

-¿Temos todos un coñecemento básico sobre estes procedementos grazas á ficción ou as series si que menten?

-Son obviamente series de ficción onde se constrúe un argumento que nos trata de levar onde o guionista pretende pero teñen un fondo extraído da realidade da investigación policial. Normalmente, estas series, ao igual que outras de hospitais, por exemplo, contan con asesoramento de persoas expertas. Polo xeral, salvo algunhas licencias que se permiten por razóns de interese cinematográfico e non científico, adoitan ter un trasfondo de realidade. De todos os xeitos, hai que ter en conta de que a maioría son de Estados Unidos e que non todos os delitos se investigan como en CSI.

-Son dúas xornadas e a primeira está dedicada á medicina legal.

-Si. O primeiro día vaise falar, entre outras cousas, do intervalo post mortem, é dicir, por que métodos se pode saber canto tempo hai que unha persoa morreu. Tamén se falará de identificación de persoas en casos de tortura e tratos inhumanos e degradantes, algo moi importante en conflitos bélicos. Tamén se abordarán as novas tecnoloxías aplicadas ás autopsias e un tema que está moi de actualidade: o dos controis de drogas no tráfico, un asunto no que o laboratorio de Toxicoloxía da USC tivo moita participación no deseño e na elaboración desas técnicas.

-¿E do ADN?

-Falarase de xenética forense, de como o ADN se pode empregar na investigación criminal, onde se pode obter, como se conserva e como se comproba. Tamén trataremos como a través dun perfil xenético se pode determinar a orixe xeográfica da persoa á que corresponde ese perfil e que importancia pode ter iso na investigación dun delito.

-¿O ADN ten tanto peso nas investigacións criminais?

-O ADN é un elemento máis e axuda pero non é a panacea que resolve todos os casos. Entre outras cousas porque hai moito debate sobre a conveniencia de ter bases de datos de ADN. Se o ADN ofrece un grao de certeza do 99,9 % significa que hai un 0,1 % de non certeza. Nun millón de habitantes ese 0,1 % son mil persoas e non podes sinalar a mil sospeitosos. É un elemento máis.

-Tamén hai tempo para a investigación policial.

-O segundo día ten un enfoque moito máis práctico e haberá expertos en investigacións de delitos. Debaterase sobre a inspección ocular da escena do crime, que é o que hai que facer e o que non. Tamén haberá unha charla sobre técnicas de investigación sobre o crime organizado e especialmente sobre tráfico de drogas, que é unha das especies máis xenuínas, e tamén dos delitos tecnolóxicos, de como se identifica unha rede de pornografía infantil e como se buscan os elementos de proba. Falaremos de como funcionan os laboratorios de policía científica en España. Finalmente, o xuíz Vázquez Taín falará da relación entre investigación policial e instrución xudicial.