
Nas cámaras, como nas armas, todo depende de quen as manexa... «Compostela, un ano de voz»
10 ene 2013 . Actualizado a las 13:11 h.Saber disparar é unha ciencia que non pasa de moda. Disparar, máis que unha técnica, é unha actitude. O cine e Instagram levan feito moito dano neste sector porque parece que calquera está capacitado para ter un arma. Ou para manexar unha cámara de fotos.
A estas altura do século unha cámara de fotos é unha arma cargada de píxeles para un presente movido e un futuro negro. Pero unha arma ou unha cámara de fotos son a mesma cousa: unha máquina. Non dependen tanto da súa capacidade de disparo ou de prestacións só compresibles para iniciados como de cara a onde se apunten.
No xornalismo, como na guerra, aínda segue sendo determinante o recurso humano. Nas cámaras, como nas armas, todo depende de quen as manexa. O cine non explica ben estas circunstancias porque en hora e media non hai tempo para detalles e a Kathryn Bigelow fáltalle visión de campo. O Instagram só é unha aplicación de filtrado.
Na actualidade, no fotoxornalismo, é máis propia a guerra de guerrilla que a fusilería de trincheira. É moito máis decisiva a paciencia e a oportunidade do francotirador para recoñecer a imaxe no seu momento. Aquí están os mellores disparos de Compostela. Os dunha guerra diaria que ten prometido non acabar nunca.
FOTOPERIODISMO COMPOSTELA, UN ANO DE VOZ
Días: Ata o 2 de febreiro
Horario: 11-14, 17-20.30. Domingo: 11-14. Luns pechado.
Xoán A. Soler, Álvaro Ballesteros, Paco Rodríguez e Sandra Alonso. Hoxe inauguración: 20.00
TEATRO: Devoción polos «Malos hábitos»
A moral é un concepto confuso e por iso todo o mundo fai dela un pandeiro. A moralidade destas dúas monxas recén exclaustradas non é dubidosa en absoluto. É experimental. Queren recuperar o tempo tempo perdido e van de bar en bar, que é territorio por evanxelizar, sen importarlles a clientela. A versión microteatro de Bossa & Muíños pode superar en intensidade e en atrevemento a súa versión de garitos. Porque hai menos tempo pero hai que explicalo todo. Porque hai menos espazo e o roce é o primeiro episodio do amor. E tamén porque onde se mide de verdade a moralidade é nas distancias curtas.
A Regadeira de Adela
Días: Hoxe e mañá
Horario: 21/21.30/22.00
Entradas: 3 euros