«No século XVII, o cabido avergonzábase da Catedral»

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O autor presenta o libro sobre Vega y Verdugo e Peña de Toro

06 feb 2013 . Actualizado a las 12:25 h.

Houbo un tempo no que as autoridades eclesiásticas da cidade sentían verdadeira vergoña da súa catedral. Foi por iso que, en pleno Barroco, decidiron que había que mudar un edificio que, segundo pensaban, non estaba á altura nin dos tempos nin do que custodiaba no seu interior. Simón Vicente López (Santiago, 1977) presentou onte o libro Vega y Verdugo, Peña de Toro y la introducción del barroco en Compostela, unha obra editada por Teófilo Comunicación en colaboración co Consorcio de Santiago que afonda naquel momento.

-¿Quen era Vega y Verdugo?

-O cóengo fabriqueiro, fixo o manuscrito de obras que se podían facer na catedral a mediados do XVII. Tense falado del como o grande impulsor ou introdutor dun determinado gusto do barroco e o certo é que contribuíu moito, pero no libro queda reflectido que xa o cabido, antes de Vega y Verdugo chegar, viña barallando moitos proxectos que logo o fabriqueiro asumiu e deixou escritos nos famosos informes de obras.

-¿E Peña de Toro?

-Este arquitecto foi un dos introdutores do barroco na cidade, unha figura da que non se coñecía demasiado ben a orixe. Din co seu lugar de procedencia, La Seca, en Valladolid.

-¿Naquel tempo eran conscientes da envergadura da obra que querían facer?

-Querían cambiar a Catedral completamente. Os cóengos e mesmo Vega y Verdugo sentían vergoña auténtica da catedral románica e, de feito, tapárona. Querían un templo acorde cos tempos para reivindicar, ademais, a figura do Apóstolo Santiago, que estaba a ser posta en cuestión como patrón único das Españas. Propoñían a Santa Teresa e San Miguel, co perigo que iso suporía para a cobranza do voto do Apóstolo Santiago, un imposto que pagaban en todo o país. Cumpría unha renovación arquitectónica e artística, o que era tamén un xeito de engrandecer o teu santuario, chamar a atención, seguir colectando eses tributos e prolongar o fenómeno das peregrinacións.

-Conseguiron o obxectivo...

-A Catedral transformouse. O obxectivo primeiro era tirar toda a cabeceira do templo, pero ao final optaron por tapala. Agora temos unha perla románica no interior coa súa cáscara barroca, esa envoltura que lle da un ton espectacular.