
A deseñadora teense exporá o seu traballo na pasarela de Madrid
02 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Xa gañou o pasado ano na Zona Zero da Galicia Fashion Week e agora traballa na apertura dunha tenda en liña de complementos que leva por nome Alfinete. Tania Martínez exporá o seu traballo na Madrid Fashion Week despois de gañar este ano na Zona E da pasarela galega.
-¿Cal é o concepto de «Oniric»?
-Parte da idea de estudar o termo onirismo dende unha perspectiva máis artística. O que fixen foi interpretar ese termo aplicándoo á estética. Oniric está inspirada en seres un pouco fantasmais e intanxibles, sempre educados nun ambiente moi relixioso e por iso lembra un pouco a imaxes relixiosas, sobre todo en complementos pero tamén na gama de cores e demais.
-¿Como son as prendas?
-O único que ten algo de volume é o traxe de noivas. Aínda que a liña é un pouco máis sinxela, o resto teñen traballos de texturas, de plisados, de bordados e sobre todo de encaixes. Os bordados foi para recordar as mantillas de virxes e os tocados bordados con abelorios, pedrería e e perla e sempre con xoias en dourado, algunhas con forma de cruces e outra de corazón.
-Son catro prendas.
-Si, o concurso esixía catro estilismos pero non descarto completala ao mellor facer seis. Sempre tento transmitir a través dos deseños algo tradicional e o primeiro levaba unha cofia inspirada nunha cofia tradicional galega recollida en Ferrol. Xoguei moito coas transparencias porque o tecido de seda permitíame xogar con esa transacción entre a inocencia, adolescencia e madurez.
-¿Está difícil o mundo da moda ou a crise tamén pasa factura?
-O mundo da moda é moi complicado, moito. A crise afecta a todo, pero a moda funciona, vende, todo o mundo merca roupa. Ao mellor non podes vivir de facer os teus deseños pero si te podes apoiar nesa parte máis comercial que todos os deseñadores sabemos facer. Está complicado abrir o propio negocio, sobre todo unha tenda física. Si é máis fácil unha tenda en liña, que ademais é global.
tania martínez gañadora da galicia fashion week