Xosé Manuel Beiras abre esta tarde en Santiago as xornadas sobre asemblearismo

SANTIAGO

29 abr 2013 . Actualizado a las 14:16 h.

O portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, abre hoxe ás 17.00 horas as xornadas sobre asemblearismo que organiza a Asociación Cultural e de Formación da Asemblea de Estudantes de Ciencias Políticas (ACF Asemblea de Estudantes CCPP). A Asemblea é un colectivo que ten como obxectivo recoller as demandas dos estudantes de Ciencias Políticas, determinar posicións conxuntas acerca das mesmas e transmitilas aos órganos de goberno da Universidade e demais institucións. Tamén se ocupa de asesorar e apoiar ao alumnado nos conflitos académicos. Os seus responsables explican que non segue ningunha liña política concreta, está aberta a tódalas opinións e non está vencellada a ningún partido, asociación ou sindicato. «É un mecanismo de democracia directa. Ademais ten como obxectivo dinamizar o máximo posíbel a vida da facultade, en particular, e da universidade en xeral, promocionando e apoiando actividades culturais, lúdicas e deportivas», engaden. Beiras estará acompañado hoxe a partir das 17.00 na Facultade de Poíticas por Ángel Abalde, licenciado en ciencia política e da administración; e Iván Castro, alumno dos mesmos estudos.

Xoán Bascuas, secretario xeral de Compromiso por Galicia -acompañado por Ricardo Garrido e Olalla Losada- pecharán mañá as xornadas ás 16.00 horas.

Os actos terán lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas e da Administración (avenida do doutor Ángel Echeverri, Campus Vida, Universidade de Santiago de Compostela)