Os indios do suroeste

La Voz

SANTIAGO

Erik Jacbos

Quitar os trens e deixar as minas é a demostración palmaria do lonxe que está Galicia do século XXI

13 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día vin pasar por Compostela a alguén con sombreiro e non era o fantasma de Roberto Vidal Bolaño. Pensei que non daba chegado a primavera e que xa estamos no lonxano oeste. Logo rectifiquei: Galicia leva toda a vida vivindo no oeste apartado. Incluso remoto.

A distancia que nos separa de todo non é xeográfica. Iso sería cuestión de andar. Quitar os trens e deixar as minas é a demostración palmaria do lonxe que estamos os galegos do século XXI. Levantar os raíles e deixar os buratos é a vía empírica que demostra a nosa natureza, a nosa mala ubicación estratéxica e o carácter subsidiario dos nosos valores e, por extensión, da nosa man de obra.

Galicia pode estar no centro do mundo se utilizamos o planisferio habitual, pero non está nin no centro de Europa nin no centro da toma de decisións. Hai meses enteiros que dubido moito de que Galicia estea no centro de Galicia.

Por iso nos prestan tanto esas músicas un pouco asilvestradas e tirando a mal domesticadas. Porque aínda sendo o norte da Península todo o mundo nos trata como se todo isto que se mira fose sur. Ou oeste salvaxe ou a mestura de todo: suroeste venteado.

Como non hai pobo que non alimente a súa identidade, aínda que sexa para enganarse, deseguido nos poñemos a xogar coa mítica dos nomes e buscamos lugares comúns e aí estamos: manténdonos orgullosos aínda que a batalla estea sen dar.

Cantamos cancións de resistencia mentres deixamos que os demais avancen. Claro que as cancións, como a lírica, teñen tendencia ao autoengano. Por iso estamos escoitando cancións de fronteira sen pararnos a pensar de que lado a liña estamos. Sabemos que este tren vaise e aquel vaise. Sabemos que os cartos vanse e que o traballo vaise. Pero non temos ben definido o espazo que ocupamos. Non queremos entender que a fronteira xa está posta. E nós quedamos do lado de fóra. Porque é posible que esteamos no oeste, pero os indios somos nós.

Música | Eilen Jewell

SALA CAPITOL

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: 15 e 12 euros

Música | Romería Pop / La Unión

Botarse ao monte

Hai moitos mundos, pero todos son o mesmo can con distinta carranca. Coa crise regresa todo. Regresa o ideal da vida bucólica con pementos de colleita e regresa La Unión por se aínda non estabamos arrepentidos de todo o que pasou nos oitenta.

Cando os indies se botan ao monte é que o vello sistema de percepcións está acabado. Neste caso, o monte é un espazo controlado, con verde coidado e sen toxos, rodeado de casas por case todas partes e sen asomo desas carballeiras nas que, de repente, pode aparecer un gaiteiro tocando contra o sol do mediodía e amargar os comentarios, alternados co vermú, sobre o branda que é unha dieta única a base de indie. Ou esa maneira de facer caixa de Blur.

A romaría ten tendencia a crecer como os almorzos entre a herba mentres mantén ese menú que combina o churrasco con algúns retrousos ocorrentes. É unha liberación gastronómica porque, por algunha desviación da educación sentimental, o churrasco estaban vingativamente ligado aos corridos, ou aos pasodobres, nunha práctica monopolística que puña en serio risco a expansión da grella como elección básica para comer en lugares festivos.

Pero todo cambia e algunhas cousas cambian tanto que desaparecen. Aínda que sexa como concepto. Unha das cousas que podería desaparecer da nosa memoria son aquelas funestas ideas dos anos oitenta e as súas manías de pensar que o mundo non precisaba cambiar porque xa estaba todo transformado, tal que lobishome. Pero a memoria é moi persistente para mal, sobre todo cando os grupos insisten en regresar.

PARQUE DE BELVÍS

Días: Sábado, 15

Horario: A partir das 12

Entradas: De Balde. La Unión estará mañá na Sala Capitol: 21.30. 25 euros.

TEATRO | "ROSALÍA, OS CANTARES DAS MUSAS"

Os escenarios do verso

Non o buscou, pero Rosalía leva toda a vida sobre os escenarios. É o malo de ser un símbolo para un país que anda escaso deles e coa tendencia de utilizalos máis do que os entende.

Así que Rosalía de Castro converteuse en referente, primeiro dunha Galicia resignada e, despois, dunha reivindicativa. A transición foi tan rápida como foi o cambio do país, quizais un pouco máis lenta. O que non cambiou tanto é unha certa idea de fondo que parece xogar coa idea de que a interpretación de Rosalía e a de Galicia están relacionadas. Pero rosalías hai varias e, pola contra, non é seguro a estas alturas da verbena que haxa algunha. Rosalía segue presente no discurso e o que di segue tendo valor entre nós. Pero isto sempre produce unha dúbida: ¿é pola valentía e modernidade dela ou é porque este país non se moveu tanto desde aquela?

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: 10 euros

MÚSICA | SAPOCONCHO

De toda a vida

A Sapoconcho non hai nada que lle meta medo, nin a saudade do fado, nin a melancolía cubana e moito menos a morriña galega. Música de toda vida (quérese dicir das que cantaban as nais mentres tendendo a roupa mentres ti tentabas darlle patadas a un balón no descampado), cancións que acaban como himnos polas prazas e que adoptan formas inusuais na maneira de cantar do dúo.

A NAVE DE VIDÁN

Días: Venres, 14

Horario: 23.00

Entradas: 5 euros

POR PETICIÓN POPULAR

FOTOGRAFÍA | INVISIBLES

Fotos para ver o ignorado

Hai dous tipos de invisibilidades: as que non podemos ver e as que ignoramos. É difícil manobrar en calquera delas, pero é flagrante a segunda porque ignorar un problema non o fai desaparecer, só fai que aumente. Para quen lle vai ben a crise é un fenómeno abstracto, que existe fóra dunha muralla que oculta a realidade. A quen lle vai mal a crise é unha realidade aplastante que elimina case todas as posibilidades agás a de respirar á forza. Facer presente o que se ignora é un dos cometidos desta mostra que ten como primeira parte que a recadación das fotografías vendidas serve para paliar algúns dos efectos que a crise ten. Non é o ideal, pero menos é nada.

Petición popular

FUNDACIÓN TORRENTE BALLESTER

Días: Ata o 5 de xullo

Horario: Luns a venres: 17 a 20. Sab: 11 a 14, 17 a 20. Dom: 11 a 14.

Entradas: De balde