«O futuro do papel é un debate co que levamos moito tempo»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O fogar das palabras conxuga libraría e formación

02 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Literatura galega e fantástica é o que agocha o número seis da rúa Castiñeiros. O fogar das palabras é a libraría de Fernando M. Cimadevila e David Cortizo, un espazo no que tamén se fan obradoiros e que leva pouco máis de 20 días aberto.

-¿Como foron tan valentes de abrir unha librería nestes tempos?

-[Ri] Non é tan raro como parece. Nós non vimos de cero nin a montamos con vista só a unha libraría. Coas editoras Urco e Contos estraños por detrás precisabamos un espazo onde desenvolver a actividade, reunirnos con xente, gardar os libros da editora... Así que xa postos a coller un local, ¿por que non dedicar un espazo a libraría? Tamén temos unha pequena aula para facer as nosas presentacións. O certo é que matamos dous ou tres paxaros dun só tiro.

-Tamén ofrecen formación.

-Aparte da libraría presentamos e ofrecemos obradoiros relacionados co mundo da escrita: escritura creativa, edición, maquetación... Sobre todo temos un servizo a maiores, o de autoedición, porque nos demos de conta de que hai moita xente que quere publicar pero non todo entra na nosa liña editorial, nin é publicable nin temos capacidade. É un servizo onde se teñen as mesmas vantaxes que nunha editorial normal e que permite, no canto de facer a típica autoedición, sacar un produto con calidade como se saíse por unha editora.

-¿En que situación está o sistema editorial galego?

-Saíron datos hai un par de semanas e as vendas caeron en castelán un 17 % pero en galego estase mantendo. Cremos que é porque nos buscamos a vida e abrimos novos mercados, novo público e novos proxectos, que aínda que teñen menos intensidade que unha gran editorial, suman. É moi importante porque hai xente que aínda que non concibe a editora como un medio de vida, están facendo un labor importantísimo cara ao galego.

-¿O papel ten futuro?

-É un debate co que levamos moito tempo. Cando saíron os móbiles foi unha progresión xeométrica. Pero os ebook é un invento de hai cinco ou seis anos. ¿Houbo algún cambio? Pode que no futuro, pero nós montamos a editorial hai dous anos e xa se falaba disto. O papel ten vantaxes. Non é menos ecolóxico, porque os ebook contaminan moitísimo máis, e ademais os libros poden revalorizarse e as descargas non.

fernando m. cimadevila escritor e libreiro