O Concello recibiu o bastón e recordou ao galeguista nun acto cheo de simbolismo
21 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O caxato de Avelino Pousa non era un bastón de mando. Era un piar sobre o que apoiaba os seus pasos, decididos e inspiradores. A súa cachaba guía fai tempo o sendeiro do concello onde pasou os seus últimos anos e que o fixo fillo adoptivo. E dende onte Teo ten nas súas mans o pau sobre o que se sostiña o galeguista. Unha réplica máis ornamentada e simbólica foi entregada por as Irmandades de Manuel María da Terra Chá e Avelino Pousa ao Consistorio «pola súa actitude construtiva, respectuosa sobre a figura e obra» do intelectual nacido na Baña.
O acto, case que unha reunión familiar con máis de medio centenar de asistentes, deu comezo na casa consistorial de Teo. Unha boina e un caravel vermello presidiron o hemiciclo na súa memoria, e Raúl Galego, fixo falar a súa gaita cunha peza improvisada que conseguiu enmudecer ao salón de plenos teense.
O veciño «por elección», tal como el mesmo se definiu, coñecido como Lucho o do peto, foi recordado como «unha luz», «a correa de transmisión da Xeración Nós» e do sentimento colectivo, porque «non se concibe Avelino sen o colectivo», segundo destacou Alfonso Blanco Torrado, o primeiro Caxato Avelino Pousa. El foi o encargado de dar a testemuña ao alcalde de Teo, Martiño Noriega, o día no que se cumpría o segundo cabodano do galeguista.
Fíxoo despois de varias intervencións e recitais e acto seguido interveu a súa filla, Nora Pousa, rodeada de familiares e amigos. O dúo Mini e Mero musicaron o poema Penélope, do chairego Díaz Castro, acompañados do murmurio dos versos por parte dos asistentes. E, para culminar, o rexedor teense, sen soltar un intre o caxato do galeguista e dándolle voltas ao piar, asegurou que Pousa «aterrou en Teo e ensinounos a apoiar o tecido asociativo e cultural, por iso ten un colexio co seu nome».
As conmemoracións trasladáronse logo á urbanización Os Verxeles, lugar onde moraba, na parroquia de Oza. Alí volveu a soar a gaita, a de Xaquín Blanco, que fixo chorar o fol con Cantar de ausencia. Media ducia de rosas depositadas por parentes, amigos e corporación de Teo, formaron parte dunha ofrenda floral na que interviñeron a súa outra filla e a escritora Fina Casalderrey, quen ten relación coa familia do intelectual da Baña dende hai máis de corenta anos. Leron sendas cartas, emotivas, desas que se escriben cun belisco na boca do estómago. E, tras unha comida na Baña, o homenaxe culminou na Barcala, onde se destapou unha praca de honra na súa casa natal.
celebración do Cabodano
«Avelino Pousa Antelo aterrou en Teo e ensinounos a apoiar o tecido asociativo e cultural»
Martiño Noriega