Publícase a correspondencia do artista con destacados intelectuais
29 jul 2015 . Actualizado a las 04:00 h.Galego, laico, cívico e demócrata. Así se pode describir ao renovador da arte en Galicia na primeira metade do século XX. Carlos Maside intercambiou durante moitos anos cartas con importantes intelectuais e artistas da época, como Luís Seoane ou García Lorca. Estes escritos foron recompilados durante máis de dez anos por Esther Rodríguez Losada, catedrática de Historia e casada cun dos sobriños do pintor, na obra Correspondencia (1928-1958). Cartas inéditas e dispersas, editada por Alvarellos coa colaboración do Consorcio, que se presenta hoxe.
-¿Como coñeceu o mundo de Carlos Maside?
-Comecei a afondar na personalidade e vida de Carlos Maside a raíz de que eu casei cun sobriño del, Julio Maside, tamén pintor. Tanto a familia como o entorno que o rodeaba xa o tiña como unha persoa excepcional. Admiraban moito a súa traxectoria e iso levoume, mentres estudaba a carreira de Historia nos anos 60 en Santiago, a pescudar sobre a súa figura.
-¿Foi difícil reunir as cartas?
-Na obra están publicadas 179 cartas, pero seguramente haberá máis. O problema que atopei para reunilas foi que estaban moi espalladas, pois moitas viñeron do exilio, como as que lle escribiu a Bal y Gay cando este tivo que marchar a México. Estas cartas non volveron ata que Bal y Gay retornou do exilio nos anos 70. Tamén moitas cartas estaban en fundacións, polo que eu fun poñéndome en contacto coas institucións para conseguilas. A maioría foron atopadas en mans de amigos, como Isaac Díaz Pardo, aínda que algunhas estaban no arquivo da familia Maside.
-¿E tiña boa letra?
-A súa letra recoñécese perfectamente unha vez que a ves. Por exemplo, durante a nosa pescuda atopamos unha felicitación na Residencia de Estudantes de Madrid a Federico García Lorca que se lle atribuía a José Eiroa, pero o meu marido máis eu decatámonos de que esa era a letra de Maside. Ademais, a xente da súa xeración era moi culta e preparada, escribían de marabilla e iso pode apreciarse na súa letra.
-¿Con quen se levaba mellor Maside?
-Era moi amigo de Federico García Lorca. O sabemos polas cartas, por testemuñas e por escritos que falan de toda esa relación. Maside coñeceu a Lorca cando veu a Santiago coa Barraca, pero tamén coincidiron cando o poeta volveu como membro da institución de cooperación cultural que houbo na República. Fixéronse moi amigos. Pero o que non atopamos son as cartas de García Lorca a Carlos Maside.
-¿Descubriu algo novo sobre o pintor?
-A familia non sabía da existencia da correspondencia con Bal y Gay. Maside envioulle en 1930 cartas dende a prisión celular de Madrid. Son absolutamente emocionantes. Tampouco tiñamos constancia das que lle escribe a Cándido Fernández Mazas falándolle da situación que viven os pintores naquel intre e pedíndolle opinión. Ou mesmo as que, dende moi novo, entrecruza con Manuel Antonio cos debuxos que el fixo para De catro a catro, que se publicaron en 1928.
-¿Que aportan estas correspondencias á historia?
-Estas cartas constitúen un libro de historia de consulta imprescindible para a primeira metade do século XX. A lectura destas cartas dota á sociedade galega dunha narración propia identitaria e que moitas veces foi ignorada ou escamoteada polo historiografía oficial. Coloca a Carlos Maside como epicentro receptor de todas as miradas, segredos e confesións dos seus contemporáneos no período tan importante que supuxeron os anos 30 e 40 en España.
-¿Por que decidiu recompilar os recordos de Maside?
-Era de xustiza facer unha rehabilitación da figura de Carlos Maside pola importancia e o lugar que ocupa dentro da memoria de Galicia. Ademais, el persoalmente legounos un espazo e un tempo: un espazo que é unha nova interpretación de Galicia e un tempo que é a visión da primeira metade do século XX. Esta obra supón a recuperación da súa xeración.
esther rodríguez catedrática de historia