«Para min Zapatóns foi o último personaxe que houbo»

SANTIAGO

«Farruco», nas rúas do centro de Compostela nas que habitaban os personaxes dos que fala.
«Farruco», nas rúas do centro de Compostela nas que habitaban os personaxes dos que fala. S. DOSIL< / span>

O humorista falou no Ateneo da historia recente de Compostela narrada a través das súas caras máis simpáticas e esperpénticas

24 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Lois Bernal, Farruco, (Santiago, 1942) ofreceu onte no Ateneo compostelán unha charla tan divertida coma instrutiva. A través de Historias e personaxes de Compostela dende a década dos 40 ata onte o actor e humorista relembrou o pasado máis recente dunha cidade que el viviu en primeira persoa. Antes de saír a escena nos recibe quentando a voz no café Derby.

-Que título tan prometedor o da súa charla...

-Esta é unha charla especial. As que dei eu toda a miña vida eran o Farruco por camiños, por corredoiras, por festas e romarías contando contos e historias. Desta vez é un pouco máis íntima, máis da miña vida compostelá.

-¿Hai moitos personaxes na súa lista?

-Empezarei por Modesto o Churreiro, que pregoaba polas mañás «churros, churros quentes para as mulleres que non teñen dentes». Antes había moitos personaxes, logo Compostela medrou e fíxose máis cosmopolita e estes personaxes desapareceron das rúas... Din que moitos metéronse nos despachos e é verdade, pero eses personaxes dos despachos non me merecen nin o máis mínimo comentario.

-¿E cal é o último deses personaxes dos que vostede fala?

-Juan Carlos Lema, Zapatóns. É, para min, o último personaxe que houbo en Compostela. Fun dos poucos composteláns que foi ao seu enterro. Leveille un par de rosas vermellas doutro personaxe que algún día ao mellor pasa á historia de Compostela, que é o paquistaní das flores. Leveillas e díxenlle: pousa o teu bordón e descansa un pouco o teu corpo e a túa cabeciña.

-Falta lle facía...

-A tiña moi revolucionada. Del conto á anécdota de cando estivo aquí o rei. Ao acabar, se acercou a Zapatóns, púxolle a man por riba do lombo e díxolle: «Cómo andamos tocayo». Como ambos son Juan Carlos... El, que era un pícaro, respostou «tengo hambre majestad» e o rei mandoulle a un do séquito que o auxiliara economicamente e doulle 50 euros e Zapatóns dixo «¿tan poco viniendo de tan alta alcurnia?».

-E haberá algúns malos.

-Pois si. Tamén falo dalgúns personaxes sinistros que lembro da miña infancia e dos que falei no recital Memorias do 36..

xosé lois bernal, «farruco» actor e humorista