Orzamentos ¿en tempo e forma?

Rosa Martínez CRÓNICA

SANTIAGO

24 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os gobernos composteláns teñen un serio problema co calendario orzamentario. E non é un problema menor para a cidade, que leva anos vendo como o Concello pecha os seus exercicios económicos cun máis que limitado nivel de execución dos investimentos programados. Porque se ben as prórrogas orzamentarias garanten a continuidade da xestión, aínda que sexa coas directrices dun goberno distinto ao que está en exercicio, como acontece actualmente, non é así no capítulo de investimentos. Aí non hai prórroga que vala, co que a programación investidora queda sempre a expensas de acordos tardíos que acaban por desprazar a execución de boa parte dos seus proxectos máis aló do verán. E as dificultades para traballar en inverno son ben coñecidas. A cuestión de fondo está na demora, excesiva as máis das veces, con que os gobernantes composteláns veñen afrontando a programación das contas municipais. Si, gobernantes, en xenérico, porque a dilación neste asunto non é patrimonio de ningunha sigla. De feito, quitando os do 2011 e o 2015, en que se aprobaron en xaneiro, o habitual era que chegasen a cabalo entre o primeiro e o segundo trimestre, cando non claramente xa ben entrado este. E non porque os gobernos anteriores dependesen, como depende agora mesmo Compostela Aberta, de votos alleos. Salvo os sete meses en que socialistas e nacionalistas tardaron en selar o seu segundo pacto de goberno, o de Martiño Noriega é o primeiro executivo en minoría dende mediados dos noventa, cando Xerardo Estévez decidira afrontar nesas mesmas condicións, aínda que con maior representación corporativa, a xestión da cidade logo de perder por escasa marxe a maioría absoluta. Pero nin os bipartitos nin o PP foron quen de sacar as contas adiante en tempo. Incluso houbo retrasos tan clamorosos como os daqueles dous exercicios (un de cada un) nos que non houbo orzamentos en vigor ata xullo e agosto. Estes antecedentes poden atenuar a demora de CA, sobre todo cando a aritmética plenaria lle impón un corsé que non tiveron os seus predecesores. Pero non a eximen da tardía formulación dunhas contas que, aínda no mellor dos escenarios (contando con que poida haber un acordo e no prazo que se ten marcado Noriega), non entrarían en vigor ata a recta final de marzo. Ese escenario decidirase nos próximos días, e dependendo de como conclúa o proceso negociador, a demora podería resultar unha cuestión totalmente menor. Pero non estaría de máis que os rexedores, de calquera signo, empecen a tomarse en serio iso de aprobalos en tempo e forma. Poderían empezar por aplicar con carácter xeral a dilixencia que imprimen cando hai eleccións á vista. Aínda que tamén con demoras, en Raxoi as citas coas urnas sempre os axilizan.