Remata Xerardo Estévez, arquitecto e exalcalde compostelán, o seu limiar de Historias de Compostela. Dezasete crónicas de Santiago (1970) cunha expresión ben acaída: «A palabra e a idea que máis facía brillar os inquietos ollos de don Fernando foi sempre Galicia». Refírese a Xosé Fernando Filgueira Valverde (1906?1996), o polígrafo pontevedrés glosado nese prólogo que intitula O ouro de Filgueira.
Xusto detrás deses ollos coruscaban un cerebro e un maxín prodixiosos, que foron quen de nos legar unha inxente e miscelánea produción bibliográfica, da que este libro é só miúda, inda que requintada mostra. Excelente iniciativa a de Alvarellos Editora, co apoio do Consorcio e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que nos permite ler agora en lingua galega esas dezasete crónicas, de edición príncipe en Bibliófilos Gallegos (1970).
A urbe medieval e barroca, a temática xacobea, personaxes notables, xunto a outras leccións varias moran nestas páxinas cunha douta prosa. Filgueira Valverde, protagonista das Letras Galegas 2015, non podía ficar á marxe de Compostela. Nesta cidade estudou, exerceu sira militancia galeguista, desenvolveu cargos coma o de conselleiro de Cultura ou a presidencia do Consello da Cultura Galega. E o Santiago polisémico e universal foi suxeito de atención cimeira en moitas das súas obras. Velaquí unha monza de historias rescatadas de Compostela. Escribiunas o erudito Filicaria, conservador e conversador, entendendo o ser de Santiago como capital dese país que decote lle facía escintilar aqueles seus ollos bulideiros.