Erotismo e debates na Romaría dos Libros

La Voz

SANTIAGO

RAQUEL CACABELOS

Víctor Boullón presentó na feira o seu primeiro cómic, unha aventura ambientada na Compostela medieval

26 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Erotismo e debates animaron a Romaría dos Libros, un acontecemento que promove o colectivo Compostela Literaria e que se consolida, coa quinta edición trimestral.

Entre as novidades editoriais que triunfaron onte e o domingo destacan títulos como Peixe Babel, de Carlos Quiroga, obra premiada no certame Vicente Risco, que publica a editora Urco, de Compostela. Positivas, tamén de Santiago, sorprendeu con Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira, gañadora do sétimo premio Narrativas Quentes de erotismo, convocado na cidade; ou co ensaio Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra. E impactante resultou a xa segunda edición en poucas semanas de Querido Eduardo, un epistolario do político galeguista Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor, que sai en Chan da Pólvora, a libraría e editora da rúa de San Pedro. Salientaron tamén os debates, como o celebrado o domingo a última hora da tarde, con participación de Carlos Quiroga, Jesús Rodríguez Requena, Xavier Queipo, Concha Rousia ou José R. Pichel; e un anterior con Sechu Sende.

A Romaría terá nova edición no outono, na Carreira do Conde, monográfica sobre alimentación. E en inverno organizan, tamén como novidade, unha sesión de formación das entidades de Compostela Literaria sobre o mundo do libro e da edición.

Cómic medieval

Un dos actos que tiveron lugar onte foi a presentación do cómic Aleida, cidade sen alma. Trátase da primeira obra de Víctor Boullón, editada por Komic Librería e Demo Editorial. O exemplar está ambientado na Compostela medieval, concretamente no século XII. Conta unha historia de intrigas e aventuras dirixida ao público xuvenil, a partir dos nove anos. Un misterioso asasinato na Catedral mentres se levan a cabo os traballos de remodelación esperta a curiosidade de Aleida, filla do responsable das obras, que se pon a investigar o sucedido coa axuda de varios compañeiros.

O estilo de Víctor Boullón á hora de debuxar a súa ópera prima foi moi dinámico e atractivo.