«Os premios son a vía para ter recorrido»

La Voz

SANTIAGO

O autor presenta hoxe en Santiago a súa novela «A caixiña dos rancores» e o sábado estreará outra no Culturgal

29 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

20 horas • Libraría Couceiro • Gañou catro certames literarios en dous anos con novelas dirixidas dende o público infantil ata os adultos. O escritor Héctor Cajaraville (Santiago, 1974) presenta hoxe unha delas, A caixiña dos rancores (Xerais), gañadora do Premio Raíña Lupa de literatura Infantil e Xuvenil. Estará acompañado por Pilar Ponte, Manuel Bragado e Goretti Sanmartín. Neste novo libro narra a historia dun mozo que atropela a unha anciá. A xuíza imponlle como condena visitar á muller, a que lle axudará a descubrir un segredo.

-Tres libros publicados en pouco máis dun ano...

-Si e, ademais, coincide coa saída dun cuarto na editorial Baía, que tamén se publica esta semana. O terceiro e o cuarto libro, Denébola a Roxa, que gañou o premio Meiga Moira, saen simultaneamente.

-Os tres últimos son de literatura dedicada aos máis novos.

-Non foi nada buscado. Non teño ningún interese especial nesa franxa de idade. Teño un libro de adultos, outro infantil e estes dous últimos son literatura xuvenil. Quixen probar un pouco de todo e saíume bastante ben, porque todos recibiron algún recoñecemento. Aínda estou na fase de pensar cal é o tipo de escritor que quero ser. Se podo seguir atendendo todas as modalidades de proposta narrativa, eu encantado, porque cada unha ten as súas peculariedades, pero todas son gratificantes.

-Entón, está sen decidir...

-Como autor, síntome moi a gusto en calquera desas posibilidades. Escribir para nenos é unha gozada. O nivel de implicación que ten un rapaz co libro é moi superior ao que ten un adulto. Con estes últimos, é un traballo máis escrito. E, cos adolescentes, é unha loucura, como é esa idade, son moi francos. Agora, que estou pensando en que outras cousas escribir, non o teño nada claro. Tamén conta a onde o libro te leve, ao mellor empezas un pensando que vai dirixido a certa idade, e despois vai por outra liña. Os libros vanse convertendo no que eles queren e ti, como autor, vaste deixando levar.

-Na novela que presenta hoxe reflicte a fractura xeracional da sociedade actual?

-Xa hai fracturas xeracionais entre un de 15 e un de 30, porque agora todo vai moito máis rápido. Pero sempre hai uns elementos inmutables, que por riba desa diferenza da idade, a todos lles interesan e os valoran. O que pretende transmitir a novela son eses valores comúns. A mensaxe que quero lanzar é que a xente que fai o ben, que busca a solidariedade, iso tamén se lle devolve.

-Cal é o argumento da outra novela que sae esta semana?

-Está ambientada en 1600 e é a historia dunha rapaza, filla dun terratenente, que a manda como monxa de clausura. Ela non está de acordo e fai todo o posible para cambiar ese destino ata o punto que acaba marchando a América e convertese ata en capitá dun barco pirata. Preséntase o día 3 no Culturgal.

-Xa ten máis rematadas?

-Vai saír un quinto libro en marzo, o do premio Ánxel Fole. Teño algún máis, que tamén o mandei a premios, porque é, ao final, a vía que hai para que un escritor teña recorrido.

-Os premios son a única fórmula para publicar?

-Para un autor descoñecido case é a fórmula que queda. Para min foi a opción para que o feito de escribir se convertera en algo máis que unha ilusión.