Ao longo desta semana, a mal chamada intermodal estivo de novo de actualidade despois da reunión entre o ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. E digo mal chamada porque para o grupo socialista o que pactaron as administracións implicadas (Concello, Xunta e Goberno central) non é máis que un simple intercambiador. Un intercambiador que, din, vai ser licitado a finais deste ano para un AVE que segue acumulando atrasos e, por tanto, mantendo a esta cidade e a Galicia en xeral nunha situación de abandono na que vive instalada nestes anos no que a comunicacións e infraestruturas se refire.
Para este grupo, este «protocolo da infamia» rompe frontalmente coa idea que sempre defendemos para Santiago: o dun proxecto, como é o de Herreros -ou mesmo o de Moneo, que conserva a fachada da actual estación de ferrocarril-, dunha intermodal de referencia para Compostela, Galicia e o norte de España. Pero non só iso. O modelo de intermodal polo que apostamos debe ser, ademais dun espazo que preste un servizo de alta calidade para a pasaxe de tren, bus de proximidade, urbano e interurbano, taxi e conexión ao aeroporto, un elemento de conexión de barrios.
Porque se o obxectivo é o de construír cidade, que é o do grupo socialista, a intermodal ten que facilitar a conexión do Ensanche, a través do Hórreo, con Sar, Pontepedriña e Castiñeiriño, situación que o protocolo actual non soluciona. Se queremos ir eliminando fronteiras para que Santiago se conciba urbanisticamente como un todo, non podemos apoiar un proxecto que segue favorecendo a dispersión.
E iso por non falar da pasarela entre estacións, que só se cubrirá se se acadan os 3,5 millóns de pasaxeiros. Malia a defender unha estación cunha dimensión de ata seis millóns de pasaxeiros, resulta inaceptable que o Concello acepte unha cláusula que non se puxo como condición para ningunha outra cidade. E cando, ademais, entendendo que se debe apostar por un proxecto que se poida executar por fases, a intermodal de Santiago seguiría sendo a máis barata das galegas.
Este é o noso posicionamento e así o fixemos constar no lugar onde se toman as decisións políticas, no pleno, sendo o único grupo que votou en contra dun protocolo que agora todos critican.
E, como nunca é tarde, facemos un chamado á razón para dar marcha atrás, manter o protocolo do 2009 eliminando, se ese é o problema, o relativo ao aproveitamento urbanístico, e traballar xuntos nun proxecto dunha intermodal de verdade. Porque Santiago non só a merece, senón que tamén a necesita.