«Non é que o cine teña que ser político, é que non se pode estar fóra do político»

Tamara Montero
Tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Cineuropa dedícalle unha retrospectiva ao director do filme revelación de Cannes, Pedro Pinho

21 nov 2017 . Actualizado a las 13:31 h.

«É unha honra», di con un sorriso ao ser cuestionado sobre que se sente cando a un lle fan una retrospectiva con 40 anos. Pedro Pinho (Lisboa, 1977) presenta ao público do festival Cineuropa a película revelación de Cannes, A fábrica de nada, e os filmes As cidades e as trocas, Un fim do mundo e Bab Sebta.

-Dous se non tres dos filmes teñen o trasfondo da economía. ¿Podemos falar dun cine económico de Pedro Pinho?

-Ao contrario, ten pouco de económico. Ten que ver cunha grande esfera da nosa vida que concerne moi directamente á actividade e ás relacións entre as persoas. É unha cousa que reflicto bastante e que é un dos principais motivos para eu ter vontade de filmar, que máis me estimula: como somos condicionados e conducidos por grandes abstraccións, por grandes estruturas que a pesar de todo continúan a controlar o camiño da nosa vida: como comemos, como durmimos... e moitas veces iso deixa un sentimento de inxustiza moi grande.

-«A fábrica de nada» é unha película sobre inxustiza tamén.

-Dalgunha forma si. É un filme sobre a relación das persoas co traballo e coa centralidade do traballo nun tempo en que o traballo deixou de ter a importancia que tiña no século XIX e no XX. Aínda non sabemos como lidar con isto. As persoas do sur de Europa víronse obrigadas a seren o elo feble dunha cadea enorme que son as relacións económicas, sociais e políticas do capitalismo. As persoas de España, de Portugal e de Grecia, sobre todo de Grecia, fomos o elo feble, porque non tiñamos poder para esixir que as cousas fosen diferentes, para mudalas, e por iso era moi fácil que crebase aquí. Iso é unha inxustiza enorme e o filme naceu dese sentimento.

-Fálase dos «sinkies», parellas novas con dous salarios que xuntos non chegan para vivir. ¿Habería que facer unha película da xeración perdida da crise?

-Este filme non é sobre a crise, a pesar de ser un filme totalmente contaminado por ese momento. Non quería facer un filme sobre a crise, quería facer un filme sobre un estado das cousas e un conxunto de persoas afectados por un sistema económico que vai moito máis aló da crise. O fundamento do capitalismo e da forma na que nos organizamos é a desigualdade, toda esta cousa da centralidade do traballo ten que ver coa necesidade da organización social na que vivimos de manter a desigualdade e agravala cada vez máis porque para medrar por un lado ten que minguar polo outro.

-«As cidades e as trocas» é tamén sobre ese crecemento que ten que parar.

-No inicio da miña idade adulta viaxei a Cabo Verde e quedei apaixonado por aquel sitio, por aquelas persoas e por aquel xeito de vivir. Cada vez que voltaba ía vendo esa paixón estaba a desaparecer, porque a economía de escala estaba a facer mudanzas moi rápidas. Sentimos que o que estaba a acontecer en Cabo Verde era o que viramos acontecer no período da nosa vida, pero alí acontecía en dez anos e por tanto alí podería filmar esa especie de nostalxia, de inxustiza, outra vez, de forzas que nos impuñan unha alteración brutal do noso modo de vida.

-«Bab Sebta» é un documental sobre os que a pesar de todo queren vir. Os inmigrantes.

-A gran revelación para min cando filmei é que non atopei esa ilusión, atopei unha conciencia crítica máis forte sobre Europa e sobre o mundo da que atopaba en Europa.

-¿Todo o cine ten que ser político?

-Non diría que todo o cine ten que ser político, diría que non hai maneira situarnos fóra do político. Walt Disney é fundamentalmente político, e as comedias románticas son políticas. Calquera postura neutral é política.

O personaxe. Pedro Pinho formouse en Lisboa, París e Londres e o seu cine mestura hiperrealismo e ficción para falar da solidariedade que xorde da desigualdade.

A retrospectiva. Inclúe «Bab Sebta», «Un fim do mundo», «As cidades e as trocas» e complétase con «A fábrica de nada» na sección oficial.