Xosé Allegue: «Son neto de carpinteiro e fillo de construtor, o camiño xa estaba aí»

Defende a figura do arquitecto de cabeceira, facendo unha analoxía coa medicina


santiago / la voz

Naceu na Coruña en pleno barrio de Santa Margarita. Pero como di Xosé Allegue Fernández (1960), «son coruñés de nación pero compostelán de elección e vocación, porque xa o di o refrán: un non é de onde nace senón de onde pace, e eu levo aquí 25 anos». Pode que tardase moito ou pouco en descubrilo, pero todos os camiños o levaban ao mundo da arquitectura. Desde neno. Estudou nos xesuítas, no colexio Santa María del Mar, deseñado por Miguel Fisac, «un dos máis grandes arquitectos dos que había no Estado». Un lugar cuns espazos incribles, contra o mar, con moita luz e unha cuberta cos famosos ósos de Fisac, «sempre penso que a vocación de estudar Arquitectura naceu alí, nese colexio». Dos xesuítas non só lembra o excelente edificio que construíron senón o modelo de ensinanza «que nada tiña que ver coa formación relixiosa da época». Abertos e heterodoxos, tiñan formación musical, deportiva, galega, e un ensino pluridisciplinar. Tamén foi aí onde comezou a súa traxectoria no baloncesto que o levou a varios equipos, «era un 3-4 -aleiro ou aleiro pívot-, non moi alto pero peleón». Alí coincidiu con Fernando Romay. «Daquela viaxar era unha cousa moi chula, saías na Voz», conta rindo.

Quizais, aínda que non o soubese, tamén influíu nel a traxectoria de seu pai e o seu avó, construtor o primeiro e carpinteiro o segundo: «É certo que son neto de carpinteiro e fillo de construtor, e claro, o camiño estaba aí aínda que vindo do mundo dos oficios». Tívoo clarísimo, e pese a que con 16 anos calquera rapaz se pode equivocar, no seu caso «tiven a fortuna de que resultou un exercicio apaixonante». Foi un dos primeiros Erasmus, en Lille. Eran os primeiros, ata o punto de que non había estudantes que quixeran ir. Allegue xa gañara algúns concursos de arquitectura e alí aínda sumou máis, pero na súa cabeza xa tiña unha idea: «O director da escola da Coruña, José Ramón Alonso, chamoume ao seu despacho para preguntarme que quería facer, e eu contesteille que me gustaría traballar en temas de patrimonio na administración». Cravouno. Só lle faltou dicir en Santiago.

A súa vida profesional leva case toda a vida ligada á oficina de rehabilitación da cidade. So estivo un ano no exercicio libre ata que Juan Luis Dalda, «o pai do urbanismo en Galicia» e un dos seus profesores na escola, «do que agora me atrevería case a dicir que son discípulo», lle comentou que en Santiago buscaban un equipo para crear esta oficina. E así o fixo. Leva un cuarto de século no Consorcio, un organismo que vixía o patrimonio de Santiago e que chegou a ter case 14 millóns de euros de orzamento, fronte os seis deste ano, só tres e medio para investimentos.

Ter durante catro lexislaturas a un alcalde arquitecto tivo que ver no desenvolvemento da cidade. «Foi determinante que houbese un alcalde arquitecto, e non só arquitecto, senón gobernando con maioría», explica. Porque a formación destes profesionais «e a de Xerardo particularmente» fai que teñan unha visión global, holística, transversal, con disposición para a análise urbana e a capacidade propositiva. Non esquece que durante o seu mandato Santiago foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, a primeira cidade en España con Segovia e Ávila.

Defende o papel do arquitecto de cabeceira, nunha oficina que debe funcionar de xeito áxil e con contacto cos veciños, «emulando ese papel do médico de cabeceira, porque o paralelismo entre medicina e arquitectura leva moito tempo entre nós», di.

«Visitei máis de 700 vivendas no casco vello»

É partidario das políticas de vivenda pública e non das políticas públicas de vivenda, se estas consisten en inxectar cartos públicos en mans privadas sen control das plusvalías. Por iso e por outras causas no casco vello de Santiago había un 14 % de vivendas baleiras cando comezou o Consorcio, e segue a haber a mesma porcentaxe con máis vivendas, o que quere dicir que hai máis casas sen habitar. A estrutura da propiedade, edificios en mans de varios familiares ou os multipropietarios dificultaron as políticas públicas.

En canto a súa visión da rehabilitación, «creo que hai que ter a flexibilidade necesaria para conseguir mellorar a calidade de vida dos habitantes, respectando ao máximo o valor patrimonial do edificio». Non é un arquitecto que pense só nas formas, «outros pensamos máis en como se constrúen as cousas máis que na arquitectura de foto, da que en Santiago temos algún rutilante exemplo», conta pensando no Gaiás.

Na etapa na que ían ás casas para diagnosticar os problemas das vivendas e aconsellar aos veciños «visitei máis de 700». Foi un tempo de moreas de anécdotas. Como cando lle dixo a unha señora maior que era o arquitecto da oficina de rehabilitación e ela lle contestou: eu a perna xa a teño ben, de rehabilitación nada. Ou cando nun falso teito dunha casa atopou un artigo seu que escribira cando militaba en Erga, unha organización estudantil nacionalista e de esquerdas.

Pero sobre todo lembra os moitos conventos que visitou para facer obras. E a boa relación coas monxas de clausura, que lle ofrecían viño e lle daban os recortes das hostias de pan ácimo para as súas fillas, «‘que a lo mejor algún día les interesa ser novicias’, dicíanme». El, ás súas fillas, «só lles desexo que fagan o necesario para ser felices, que é o que un lle desexa aos fillos», remata.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Xosé Allegue: «Son neto de carpinteiro e fillo de construtor, o camiño xa estaba aí»