«As relacións institucionais son a gran asignatura pendente de Noriega»

ROSA martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Xoán A. Soler

O edil, que deixará en maio a política activa, di que nunca agochou a súa responsabilidade nos resultados do 2015

15 sep 2018 . Actualizado a las 23:31 h.

Paco Reyes (Manresa, 1961) enfronta os seus derradeiros meses na corporación local, da que se despedirá en maio logo de oito anos na oposición. O portavoz socialista confirmaba hai uns días a súa retirada da política activa co final dun mandato no que a representación do PSOE quedou reducida a catro edís logo de perder 5 na última cita coas urnas.

-Como se xestiona persoalmente un resultado como o do 2015?

-Dende o absoluto respecto á veciñanza, que é quen decide aos seus representantes e onde queren que desenvolvan a súa actividade en defensa dos dereitos da cidade; con agradecemento, porque aínda que non acades o resultado que che gustaría, estante elixindo como representante deles; e tamén cunha certa frustración, pero non fundamentalmente dende o punto de vista persoal, porque en definitiva ti sometes o teu proxecto e cualidades, se as tes, á cidadanía, pero si polos compañeiros que apostaron por ti. E polas persoas que che acompañaron na candidatura e o partido no seu conxunto.

-Veuse obrigado a continuar estes catro anos?

-Non foi obrigado. Ti te presentas para servir. A mesma noite electoral, e ao día seguinte, puxen o meu cargo a disposición do entón secretario xeral do partido en Galicia, Xosé Ramón López Besteiro, porque entendín que era a miña obriga e a miña lealdade ao partido. E díxome algo que comparto: nós presentámonos para servir á cidadanía e servímola onde a cidadanía decide que a sirvamos. E o feito de que non che dea nese momento a confianza para que formes goberno, non quita que cha estea dando para que defendas os seus intereses e fiscalices a acción de goberno, que tamén é importante. E ese compromiso e esa responsabilidade había que cumprila da mellor maneira posible, que é o que tento facer.

-E que se leva, máis sensabores ou satisfaccións?

-Satisfaccións. Eu son funcionario vocacional. Para calquera empregado público que o sexa por vocación, ter a oportunidade de desenvolver unha responsabilidade por elección da cidadanía é unha honra. Lévome unha experiencia importante de oito anos. E agradezo a todos, compañeiros, veciñanza, e en particular aos compañeiros de grupo municipal.

-Fáltalles outro compañeiro. Levan máis de dous anos arrastrando unha vacante.

-Si, e foi unha gran decepción, pero a responsabilidade da súa actitude é exclusiva del. Do mesmo xeito que nunca me escudei detrás nin de circunstancias nin de persoas, nin de ningún tipo de interpretación, para agochar a miña responsabilidade nos resultados do 2015, tamén digo que o PSOE non é responsable dunha decisión persoal irresponsable de Antón Barba. O grupo municipal e eu, que o propuxen para ir na lista, tampouco. Nunca puiden sospeitar, polo que coñecía da súa traxectoria no partido, esta actitude. El coñecía dende o primeiro momento que habería un problema de incompatibilidade e que só podería tomar posesión se o PSOE gobernaba.

-Balance de xestión do goberno?

-Nestes tres anos se demostra que Compostela Aberta chega ao goberno sen un proxecto claro de cidade. Iso amósase nos bandazos que teñen dado en infraestruturas como a intermodal e a depuradora, nas que abrazou os proxectos cutres do PP, porque, ao final, o que se lle presenta a Santiago non é unha intermodal, é un intercambiador. E o mesmo coa depuradora, están dous anos defendendo a proposta do PP ata que este ano mudan de posición sobre ela. Tampouco hai solucións claras para temas como o comercio e a política social, nos que se deixou de gastar 1 e 1,2 millóns de euros. E aí están os niveis baixos de execución de investimento, que se nota no mantemento da cidade. E nestes tres anos o PSOE deulle todas as facilidades, porque é un goberno, en principio, en proximidade ideolóxica con nós, para que puidera tomar as decisións axeitadas, tivera os orzamentos en tempo e puidera desenvolver solucións para esta cidade. Se non foron quen de facelo ninguén lle vai poder botar a culpa ao PSOE.

-Vostede sempre dixo que Santiago requiría unhas relacións institucionais exquisitas. Como califica as actuais?

-É a gran asignatura pendente, ou unha das grandes, do alcalde Noriega, fundamentalmente porque dependen del. Santiago é a capital e non só ten que impulsar moitos proxectos de cidade, senón con proxección tamén en Galicia. Estou pensando no Xacobeo, que é o máis evidente, pero habería outros. Polo tanto, as relacións coas outras Administracións teñen que ser exquisitas, con independencia da cor política de quen estea gobernando nelas. Isto demostrárono perfectamente Bugallo e Estévez.

«O indulto do Souto como ubicación da EDAR é boa noticia»

Paco Reyes segue reclamando unha solución para a vella terminal de Lavacolla, pero tampouco observa unha visión clara do que se quere facer co aeroporto. E conclúe que dos grandes temas non ve proxectos reais neste mandato, o que supón, di, a perda de oportunidades.

-Pero a EDAR parece que se encamiña para quedar na Silvouta?

-Eu quero velo negro sobre branco nun convenio que propoña o ministerio que se poida levar a pleno. Supoñamos que vai ser así, porque só temos as declaracións do alcalde, pero o indulto do Souto é unha boa noticia. Pero, pregunto, é a mellor tecnoloxía que Santiago podería ter. Esa é unha preocupación nosa, e tamén que non se perdan os fondos comunitarios, porque cando o alcalde un día di que non se van perder e outro asume que se pode perder unha parte, pero que non importa porque os custes xa van ser máis baixos, pois, tranquilo tranquilo non che deixa.

-E non o tranquiliza o feito de que ese compromiso fose cun Goberno socialista?

-O que digo é que o PP toma unhas decisións equivocadas por puros motivos políticos respecto á EDAR e cando mudan a ubicación para o Souto e aproban o novo estudo de impacto ambiental non había ninguna sentenza en contra do estudo de impacto ambiental na Silvouta, co cal, eles son responsables da perda de fondos comunitarios. E Compostela Aberta é responable de abrazar dende o principio ese proxecto cutre do Partido Popular. E finalmente, se se resolve na liña avanzada polo alcalde, teremos todos que aceptar que quen resolveu o problema da depuradora de Santiago é un Goberno socialista en Madrid.

«Nalgún momento será interesante explorar as primarias abertas»

Reyes carece aínda de substituto como cartel electoral, pero sostén que o partido tomará a mellor decisión pensando na cidade.

-Vostede dicía hai días que exploraría as primarias abertas.

-Ese comentario facíao como militante, non como voceiro. Pero hai tres posibilidades: primarias para a militancia; primarias abertas á cidadanía; e a de que os nosos dirixentes, de maneira excepcional, poidan propor a persoas de valía, circunstancias ou cualidades particulamente singulares. Pero son os órganos de dirección quen deben tomar a decisión máis oportuna sobre o método de decidir candidatos, e eu son respectuoso da lexitimidade deses órganos. Pero ese é un camiño que abren os estatutos e nalgún momento será moi interesante exploralo.

-Pode ser agora ese momento?

-Hai que dar un voto de confianza aos dirixentes e deixar que eles tomen a decisión oportuna.

-E se Bugallo dá o paso, cre que debería tirarse desa vía excepcional?

-É un dos casos nos que entendo que sería de aplicación esa vía. Pero estou convencido de que os nosos dirixentes van tomar a mellor decisión, non só pensando no partido, senón na cidade e a cidadanía. E o digo con independencia de quen poida ser o candidato. Os nosos dirixentes saberán en que momento queren activar esa posibilidade e respectarei e apoiarei a decisión que tomen.

-Noriega di que Santiago recuperou o orgullo nestes anos. Hernández discrepa. E Reyes?

-A veciñanza nunca perdeu o orgullo da súa cidade. Outra cousa é que os catro anos do PP o que fixeron foi que ademais dese orgullo sentíramos vergoña dos gobernos que tiñamos. E esa normalidade á que ás veces se refire Noriega foi froito do traballo e a actitude de todos para remar nesa liña. E o que non pode é poñerse exclusivamente el a medalla desa normalización da vida política. Hai que ser realista cando se reparten as medallas.