César Ramos, portavoz de CxG en A Baña: «Fixemos un acto de responsabilidade, non de bondade co PSOE»

emilio forján A BAÑA / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O concelleiro defende a decisión de Compromiso de apoiar con dous edís o cambio de alcalde, aínda que quedarán na oposición

18 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O mandato que comeza no Concello da Baña non vai ser doado para un goberno do PSOE formado por catro concelleiros en minoría, despois dunha investidura grazas aos dous votos dos concelleiros de Compromiso por Galicia, forza política que duplicou as súas actas, pero que non formará parte do goberno e asume o seu traballo desde o banco da oposición co PP.

-Como cualifica o seu apoio ao PSOE na investidura?

-Sabiamos que co Partido Popular, que está nas antípodas da nosa forma de facer política, non queriamos ningún tipo de pacto, e o que fixemos foi un acto de honestidade e de responsabilidade, que non de bondade política. Eu levo dicindo dende hai catro anos que o PSOE ten un proxecto político que non nos parece serio, e a actitude dos concelleiros do PSOE cremos que non foi a correcta, polo que é comprensible que non queiramos formar parte dun goberno que non nos parece de garantía para nada.

-Foi logo a decisión menos mala?

-Si. Nós cumprimos cos nosos votantes, cos nosos principios e con todo o que dixemos na campaña electoral, e cando formamos a agrupación local de Compromiso por Galicia sabiamos que despois de vinte e catro anos de gobernos do Partido Popular tiñamos que mandalos á oposición.

-Houbo moita presión para a investidura?

-Sabiamos que a iamos ter cando nos metemos en política. Non nos pareceu normal o tipo de artimañas de xente afín ao PSOE para meter presión.

-Díxose que xa pactaran co PP.

-Vin mensaxes afirmando que xa nos venderamos, que tiñamos un pacto asinado co PP de dous anos alternándonos na alcaldía, algo que é totalmente falso. Desde Compromiso por Galicia sempre demostramos que somos xente seria, e pode haber xente á que non lle guste o noso partido, á que non lle guste o noso candidato e o noso traballo político, pero desde un principio marcamos unha ruta seria a seguir.

-Foi a pasada unha lexislatura complicada?

-Totalmente. Era un concelleiro contra dez na corporación.

-Entende que haxa malestar dos votantes do Partido Popular?

-Eu creo que o votante do PP, partido que leva 24 anos gobernando, no momento en que perde as eleccións entende que ten que ir á oposición. Sería máis difícil de entender o contrario.

-Tamén puideron votar ao seu propio candidato.

-Se nós fósemos tan inconscientes coma o PSOE e nos cerrásemos en banda nunha negociación pois seguramente agora estaría no goberno Andrés García Cardeso e o PP.

-Que foi o que os levou a non entrar no goberno?

-Sabiamos que non iamos formar parte dun proxecto político que non tivese as características de seriedade, e por iso demandamos a alcaldía. A min fíxome graza que o señor Pereira [o novo alcalde socialista, José Antonio Pereira Gil] manifestase que as negociacións non ían a bo porto porque César Ramos quería un posto. Agora creo que esas palabras xa caen polo seu propio peso, porque nós o que queriamos era un proxecto serio, e como non o atopamos no Partido Socialista, polo que decidimos estar na oposición.

-E estarían dispostos a entrar agora no goberno?

-Hai dous días que foi a investidura e demos o noso apoio ao seu candidato, pero non pasa pola nosa cabeza formar goberno con esta xente.

-Tamén podería haber unha moción de censura.

-Se ninguén do PSOE nos pediu explicacións por darlle o noso apoio sen pedir nada a cambio, despois de catro anos desprestixiando ao noso partido, tamén agardo que non o fagan se nalgún momento da lexislatura as cousas van mal e decidamos retirar o noso apoio.

-Espera que o PSOE cumpra as súas promesas?

-Pois comezando co soldo, que sempre dixeron que o señor García Cardeso tiña un soldo moi elevado para un Concello coma o noso, agardamos que o cumpra, igual que con todas as promesas feitas en campaña. E aí estaremos David Gontán e mais eu, moi motivados.