A Casa de Rosalía encherase de cultura os días 13 e 14 de xullo 

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

Os actos conmemoraran a data do pasamento da escritora

04 jul 2019 . Actualizado a las 00:41 h.

A Fundación Rosalía de Castro de Padrón celebrará por segundo ano o festival Abride a fiestra para conmemorar a data do pasamento da escritora (15 de xullo de 1885). Trátase unha cita da cultura galega con Rosalía como figura central, que pretende abranguer o que aconteceu arredor da escritora no último ano, facendo especial fincapé na cultura local e nas propostas emerxentes.

Así, serán dous días (13 e 14 de xullo) na Casa de Rosalía. A cita comeza o día 13 cun recital poético multilingüe co Colectivo de Poetas en Bruxelas e un grupo representativo da poesía galega actual. Esa xornada rematará cun concerto de Cristina Pato, acompañada por Roberto Comesaña, o único desta tempada en Galicia.

O día grande será o domingo 14 de xullo, cunha xornada de portas abertas na Casa de Rosalía, con poesía, música, proxeccións, conferencias, unha feira e visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas na obra rosaliana. Entre as persoas que guiarán aos visitantes estarán o escritor Pedro Feijoo, o deseñador Pepe Barro, o ex presidente da Real Academia Galega (RAG) Xosé Ramón Barreiro, o profesor Francisco Rodríguez e o estudoso da horta rosaliana Carlos Dacal. Tamén estará Olga Novo, que recitará poemas propios.

A música é un dos fortes do festival, con concertos de Davide Salvado, o cantautor local Secho, Ugía Pedreira ou a Coral Polifónica Padronesa. Tamén haberá concertos ao piano da familia de Rosalía protagonizados por Secho, Ugía Pedreira e Cristina Pato. A Fundación Rosalía de Castro entregará ese día a Rosa de Galicia á familia de Xosé Villar Granjel, persoa clave, xunto con Xosé Mosquera, na recuperación e compra da Casa de A Matanza en 1946. A Rosa de Galicia é unha insignia de ouro co novo deseño da fundación que foi realizada por Pepe Barro e que recoñece a persoas ou institucións que se significaran na defensa da figura da escritora ou na promoción do seu legado.

O festival, que foi un éxito de público o ano pasado, está organizado pola Fundación Rosalía de Castro co apoio da Xunta, Deputación e Concello de Padrón.