Manolo Paz: «Antes eu andaba polo mundo e agora o mundo vén verme a min»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O artista cambadés, que inaugurou exposición na galería Trinta, di que Santiago sempre está presente na súa alma

27 sep 2019 . Actualizado a las 06:11 h.

O creador Manolo Paz (Castrelo-Cambados, 1957) colga na galería Trinta Reflexos na auga, unha mostra feita «especificamente» para este espazo. Son cinco esculturas e oito pezas de obra gráfica en papel con volume e cor.

-Que supón volver a Santiago, a cidade na que se formou como artista?

-É moito máis que todo iso. Santiago sempre está presente na miña alma. Expoñer en Trinta por primeira vez na súa nova ubicación é unha honra.

-Que é «Reflexos na auga»?

-Mirar e ver o teu rostro reflectido, como se estiveses mirándote na auga. Na sala de arriba hai unha obra de 150 por 300 centímetros que se compón de dezaséis pezas de granito negro Zimbabue e que produce un efecto óptico, como se fose 3D. Outra é Eclipse, unha peza de pequenas dimensións realizada en granito azul Bahía. Xa na sala de abaixo, acompañada da obra gráfica, hai unha escultura en granito amarelo que se chama Deusa da fertilidade, e enfronte está Reflexos na auga.

-Non sabía que hai tantos tipos de granito...

-E os que quedan por aí, todos teñen alma e a min válenme todos. A natureza é sorprendente e xenerosa, e sempre nos está contando historias.

-O mar de Cambados inflúelle máis que a catedral dos peregrinos?

-Teñen algo en común: a marea sobe e baixa, e a afluencia dos peregrinos tamén. Todo ten o seu ritmo, saber aproveitar as mareas e saber gozar tamén da Catedral de Santiago. Teño unha escultura en Bruxelas de sete metros de alto, que é un punto de encontro e de partida para peregrinar a Santiago.

-A obra nace na súa cabeza ou non sabe que será ata que finaliza o proceso manual?

-A idea nace na miña cabeza, logo o material vai pedindo que lle saques ata chegar á forma que acaba definindo a obra.

-Esgótase a inspiración ou a inspiración só é traballo e traballo?

-Ten días, hai que estar aí de continuo.

-Que lle falta por crear?

-Todo o que non fixen.

-A que artistas considera?

-Giacometti, Brancusi, Richard Serra, Julio González… e moitos máis, porque o teñen demostrado co seu traballo.

-E galegos?

-O mestre Mateo e Asorey.

-E coetáneos?

-Antón Lamazares.

-Que tal marcha a Fundación Manolo Paz?

-Moi ben. É un sitio único ao que vén xente de todo o mundo, e marchan encantados. A sorpresa é cando entras naquela paisaxe fronte ao mar na que dialogan esculturas dos anos setenta coas actuais. É o terceiro parque escultórico máis importante de España, logo do de Chillida e Montenmedio en Cádiz.

-Así que goza moito dela?

-A Fundación é parte da miña vida. É como un soño feito realidade no que estás todos os días. Antes eu andaba polo mundo e agora o mundo vén verme a min.

-Que recorda da súa experiencia americana?

-A min encántame América, porque os americanos son moi prácticos, valoran a eficacia das cousas. É certo que agora Nova Iorke é moi «pijo». Cando fun por primeira vez no 83, Andy Warhol ía en taxi. Agora ben, os meus ingresos veñen de aí, de cando vivín alí coa familia nos noventa.

-É unha ordinariez canto pide por unha obra?

-Ah, iso vai por metro ou ao peso. [Riso].