José Carballo Antelo: «Apoiamos as enerxías alternativas, pero non de calquera maneira»

Xoán Ramón Alvite Alvite
Xoán Ramón Alvite MAZARICOS / LA VOZ

SANTIAGO

alvite

Sostén que a norma que regula o sector eólico debe adecuarse á evolución dos aeronexeneradores

03 nov 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Dende fai uns meses funciona a primeira rede galega de plataformas en defensa do territorio e contra os proxectos eólicos e as liñas eléctricas, que aglutina a cerca dunha decena de asociacións doutros tantos concellos e que trata de «dar visibilidade e denunciar os problemas derivados da falta de planificación da produción eólica e das súas consecuencias sobre a poboación». Aberta a novas incorporacións, compoñen esta rede a Asociación de Veciños 3 de Maio de Campolongo (Negreira), a plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, a Plataforma Non Máis Eólicos de Campelo-Bustelo-Toural (Carballo, Coristanco e Santa Comba), a Plataforma Veciñal non Eólicos de Mazaricos e Ponteceso, a Asociación de Afectados polo Parque Eólico Outes-Mazaricos, a plataforma Quijote de Outes e Salvemos o Iribio, serra lucense entre Triacastela e Samos. José Carballo Antelo, voceiro da plataforma, explica a súa postura.

-Por que nace esta rede?

-Principalmente, pola necesidade de poñer en común a problemática que estamos a sufrir en moitas zonas de Galicia afectadas pola instalación de novos parques eólicos ou liñas de alta tensión. É importante unirnos porque este é un tema moi complexo. Hai que ter en conta que somos veciños e non nos dedicamos a isto, pero vémonos na obriga de organizarnos para defender o rural.

-Vostedes están en contra da enerxía eólica?

-En absoluto. Apoiamos as enerxías alternativas, pero non de calquera maneira nin a calquera prezo. Eólicos si, pero non así.

-Como entón?

-Dun xeito racional, con transparencia e consenso. Dando voz aos afectados, protexendo a paisaxe e o patrimonio e evitando a masificación que se pretende levar a cabo nalgunhas zonas. Facendo compatible a vida no rural coas enerxías renovables.

-Os parques eólicos poden constituír unha oportunidade para as zonas rurais?

-Si se fai dun xeito ordenado e cunha boa valoración do seu emprazamento, pode ser. O rural ten as súas formas de economía local que é necesario potenciar. Parece claro que, desta maneira, con esta invasión, o único que se consegue e depreciar o valor dos terreos agrarios e converter o rural nun inmenso parque industrial no que ninguén vai querer vivir.

-A lei ampara ás empresas promotoras dos parques?

-Todas as leis deben amparar ao conxunto da comunidade que resulta afectada. É evidente que a normativa que regula o sector eólico está desactualizada e cómpre adecuala aos novos tempos e á evolución experimentada, por exemplo, polos aeroxeradores, que agora son dez veces máis potentes que fai só unha década.

-Critican as formas que emprega industria á hora de negociar.

-Os afectados somos o conxunto da poboación onde se asenta un parque e non só os propietarios das fincas nas que se poñen os muíños. Dito isto, é evidente que as empresas se aproveitan da ambigüidade dos contratos que ofrecen. É un abuso que, por exemplo, se estableza que o arrendamento comeza no momento da sinatura do acordo, pero non se cobra un euro ata que o parque eólico empeza a funcionar. Neste sentido, cómpre que a administración traballe nun contrato tipo no que se recollan un mínimo de garantías para os afectados.

-Que consello daría ao dono dun terreo afectado pola implantación dun parque?

-Diríalle que non firme nada ata coñecer perfectamente todos os pormenores do proxecto do parque. Quen firma primeiro, firma peor. E, sobre todo, que non se deixe amedrentar.

-Hai similitude entre o problema das liñas de alta tensión e o dos parques eólicos?

-Entendemos que si. De feito, moitas delas están proxectadas, precisamente, para evacuar a enerxía que xerarían os futuros parques. Tal e como sucede cos muíños, nesto tampouco houbo planificación e agora atopámonos con que se quere instalar un tendido practicamente ao lado doutro xa existente. Hai duplicidade de liñas e de riscos e danos para a poboación e o entorno.

-Cales son eses riscos?

-Estamos falando de instalacións que transportan cantidades enormes de enerxía e das que se descoñecen, ou ao menos non se dan a coñecer, os efectos sobre a saúde das persoas. Incluso a repercusión que ten semellante campo magnético sobre os terreos onde se asenta e onde pode haber mananciais de auga ou outros recursos naturais susceptibles de ser aproveitados polas persoas.