Café Derby

X. Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

SANTIAGO

Nos nosos primeiros anos de estudantes universitarios o Derby parecíanos un café con xente vella, local demodé elitista ou señoritango. Un reclamo turístico... e caro para os nosos posibles económicos xuvenís. Co paso do tempo fómolo querendo máis, porque puidemos engadirlle á beleza do recinto o que nos contaran sobre os faladoiros, personaxes e historias gardadas entre esas paredes, no vedraño recanto hostaleiro das Orfas e da Fonte do Santo Antonio. E admiramos máis o Derby cando completamos datos do devir contemporáneo de Compostela. Finalmente, entramos nel, degustando os seus cafés, batidos e chocolates quentes. Ou fitamos cara as fiestras grandes do Derby, agardando polo boneco verde nun dos semáforos que unen a cidade monumental coa praza de Galicia. Sempre mirando o Derby e os peóns da beirarrúa, a carón do Hotel Compostela e de costas ós seus arcos, torre e grosa columna coroada polo capitel de Asorey. Na espera, a ollada ouxiona ó interior, por ver o ambiente de esguello; quen miraba cara fóra e cara a nós.

Véñenme ó maxín tres nomes de persoas que xa nos deixaron. Lembro os diálogos na tardiña entre dous profesores e filósofos: Xosé Manteiga e Manuel Pombo. E rescato a resposta de Avelino Pousa, cando no libro de Conversas (1991) lle preguntara: «¿A Castelao tratouno a través das xuntanzas do PG?» E contestara: «O contacto directo con Castelao, amais de escoitalo en mitins e asembleas, tíveno por medio das tertulias na peña do Derby, onde se reunían os principais integrantes do Partido Galeguista que residían ou acudían a Santiago. Alí escoitamos a Castelao, a Otero Pedrayo, a Suárez Picallo, a Casal, a Camilo Díaz, a Barreiro Salaño..., en fin, a cantos persoeiros pasaban por Compostela, cos que sentabamos cando había sitio, ou nunha ringleira de mesas contiguas». E remataba o Avelino: «As conversas daqueles homes significados eran para nós artigos de fe, e non porque comulgaramos con rodas de muíño, senón porque críamos no seu maxisterio, asentado nunha ética e nunha exemplaridade de conduta e pensamento que nunca se dera no eido da política galega (...). Daqueles mestres do galeguismo podería afirmarse que ‘nunca tantos lle deberon tanto a tan poucos’».

Pecha o Derby con 91 anos de servizo. Vaia, que mágoa. ¿Será cousa da «nova normalidade», tras o andazo pandémico? Case coma se morrese un pequeno museo ou edificio histórico. Alguén debería buscarlle xeito á súa permanencia e futuro, ¿non si?. Pola vida da Compostela capital.