Sagrario Torrado: «Hai 25 anos que facemos unha ou máis obras de teatro en galego cada curso»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

O grupo do IES Xelmírez I, Vai no Dentista, gañou o premio Buero por cuarta vez en cinco anos

18 jun 2020 . Actualizado a las 08:15 h.

O grupo Vai no Dentista, do IES Xelmírez I, conseguiu por cuarta vez no último lustro [só fallou o ano pasado] a fase galego do premio Buero de Teatro, convocado por Coca-Cola. Esta vez o recoñecemento é por Fóra de xogo, obra que representaron o curso pasado, alicerzada nun texto de Toni Misó. Tamén conseguiron esta vez dúas mencións: unha polo traballo con Criaturas, un produto do grupo T de Teatre, de Cataluña; e outra para o director da compañía, Daniel Baamonde. «O grupo comezou, como unha actividade para celebrar o 150 aniversario do instituto e despois tivo continuidade. Facemos hai 25 anos unha ou máis obras de teatro en galego cada curso, penso que somos o grupo de teatro escolar con maior estabilidade e traxectoria», afirma Sagrario Torrado, docente do centro e coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística, que promove o teatro.

O mes pasado tiñan organizado celebrar o 25 aniversario do grupo, dentro das conmemoracións do 175 aniversario do instituto «e tivemos que suspender a celebración, polo confinamento, aínda que tiñamos reservado o Teatro Principal para unha gala. A nosa idea era reunir moitas persoas que colaboraron e participaron neste tempo. Confiamos en que sexa posíbel o próximo curso», acrecenta. Tamén pensaban recuperar A volta ao mundo, «unha obra contra o machismo estrutural da sociedade» e que foi a da estrea do grupo, en 1995.

Fóra de xogo, explica, «ten unha escenografía moi atractiva, moi punk, con música en directo con guitarras eléctricas. Fala da situación e das dificultades da adolescencia. Un grupo de colegas, como se estivesen vendo un partido de fútbol, dialogan sobre problemas cos pais, con compañeiros por causa da orientación sexual, dos trastornos da alimentación e outras cuestións que lles preocupan como colectivo. É unha obra moi atractiva».

Soben seis actores e actrices ao palco «aínda que o grupo é máis grande e participan máis, interpretando instrumentos, cantando e facendo outras tarefas», acrecenta Sagrario. Este curso, Vai no Dentista está integrado por alumnado de primeiro, segundo e cuarto da ESO. Ensaian unha tarde á semana, hora e media. «Durante o confinamento facíamos conexións e tiñamos sesións de lectura, e foi por iso polo que nos dan un recoñecemento», salienta.

O grupo ten moito dinamismo, pois «participa na actividade do instituto. Este ano intervimos na nas sesións inicial e final de 21 días co galego; na inauguración dos actos do 175 aniversario do instituto; no Día da lingua inicial; e noutras actividades escolares. A maioría do alumnado do grupo ten un rendemento académico moi bo. Temos moito: desde os pais e as nais que sempre levan o alumnado onde faga falta, mesmo sábados e domingos; á dirección, que favorece sempre os ensaios, e outros». Vai no Dentista mesmo tivo unha experiencia internacional, hai cinco anos.

Alén de Fóra de xogo, o curso pasado o grupo tamén representou Animaliños, segundo o coñecido texto de Roberto Vidal Bolaño. Daniel Baamonde, o director, é un antigo alumno do instituto, que foi inicialmente actor e non deixou o contacto.

O 3 de xullo, nunha gala virtual que se retransmite por Internet, o grupo saberá se é tamén o vencedor da fase estatal do premio Buero nesta que é a 17 ª edición do certame, na que compiten 344 grupos integrados por 6.880 mozos e mozas de entre 14 e 21 anos, e hai 17 finalistas segundo resalta a organización. Na fase final colabora o Ministerio de Cultura a través do Instituto nacional de las Artes Escénicas y de la Música. Na galega houbo récord de participación, con 33 grupos.