A dignidade de dúas pedras

Borja Verea Fraiz DEPUTADO DO PPDG NO PARLAMENTO DE GALICIA

SANTIAGO

11 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das descricións máis sinxelas e poderosas que coñezo sobre a impresión que xera a pedra compostelá non a atopei nun santiagués, nin sequera nun galego, senón no poeta cántabro Gerardo Diego cando di sobre a nosa cidade: «También la piedra, cuando hay estrellas vuela».

A sorte xeolóxica podería ternos agasallado con outro tipo de rocha, pero aquí todo é granito. O granito é duro, dos xistos máis complexos que existen, terrible para calquera escultor. Aí a maxia. En Santiago o mestre Mateo e a súa escola levaron esta pedra a límites insospeitados, máis alá do razoable e a espazos de xenialidade e pericia nunca máis acadados. Só podemos imaxinar, intuír, a sensación daqueles canteiros cando se enfrontaban ao espazo vacío, mellor dito, ás lousas de granito chegadas, posiblemente, das canteiras do Pedroso, Rocha Vella, Conxo, Vidán ou Vrins e traballaban coas súas escodas na procura das figuras desexadas.

No último pleno do Parlamento de Galicia falamos sobre dúas destas figuras. As coñecidas como Abraham e Isaac, reclamadas polo concello de Santiago aos herdeiros do ditador e actuais posuidores das mesmas. Nesta sesión tiven a oportunidade de trasladar, en nome do grupo popular, a importancia da recuperación destas esculturas para o patrimonio público como cuestión de dignidade histórica para Galicia.

Como as dúas esculturas non son só dúas pedras, os xestos, as vontades políticas e as mensaxes públicas non están baleiras nin son inocuas. Temos unha nova oportunidade de facer un exercicio para seguir demostrando a superioridade dos sistemas democráticos sobre calquera outra forma de goberno baseada na negación dos dereitos e liberdades públicas.

O proceso de recuperación do Pazo de Meirás foi un exemplo de altura de miras e de responsabilidade moral, política e intelectual de todos os partidos políticos. Agora, no proceso de recuperación das dúas estatuas de mestre Mateo, a unanimidade conseguida tanto no Parlamento de Galicia como no concello de Santiago, así como o traballo conxunto da Xunta coas autoridades locais son sen dúbida un bo comezo para que estas dúas pedras de granito, e que hai mil anos foron levadas máis alá dos límites permitidos da beleza, volvan a casa.