A recreación da «Odisea» estrearase o 14 de xaneiro no Salón Teatro
06 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Do Mediterráneo ao Atlántico. De Ítaca a Galicia. O charco de Ulises, a nova produción propia do Centro Dramático Galego (CDG), recreará a Odisea de Homero sobre as táboas do Salón Teatro a partir do 14 de xaneiro despois de rematar esta semana os últimos ensaios de preparación tras dous meses de traballo. A montaxe parte dun texto escrito polo dramaturgo Santiago Cortegoso, que agora tamén se encarga da dirección da peza xunto a Marián Bañobre.
«Trátase dunha versión moi, moi, moi libre respecto á Odisea orixinal, aínda que si que se recoñece porque os nomes dos personaxes son os mesmos. Ulises é un home que vaga errante, sempre coas dúbidas de volver a súa casa ou non, pero, ao fin e ao cabo, é un emigrante galego que foi a Bos Aires e ten as dúbidas se volver ou non. Ese dobre xogo entre os dous universos, entre o clásico grego e a emigración galega, está todo o tempo presente na función. Iso fai que teña unha compoñente poética moi grande, é todo moi metafórico. [...] A emigración galega foi unha gran Odisea, foino e está sendo. Todo iso aparece reflectido aproveitando esa aventura escrita por Homero pero tamén botando man desas historias que todos coñecemos de emigrantes», explica Santiago Cortegoso, que escribira o texto hai dez anos cunha beca de Iberescena e agora adaptouno para a súa posta en escena xunto a Marián Bañobre despois da proposta do CDG de montar un clásico grego desde a perspectiva do teatro contemporáneo. «Deronnos catro clásicos a escoller e un deles era a Odisea. Estaba escrito que ía ser o ano de O charco de Ulises», engade Bañobre.
A nova montaxe da compañía pública dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ofrece unha visión distinta da emigración, non só porque é tratado desde un clásico, senón tamén porque se foxe da condescendencia coa emigración. «Ulises é un personaxe que vive na contradición. Por un lado, ten morriña pola súa terra, por deixar atrás Ítaca...; pero, ao mesmo tempo, vive unhas aventuras fantásticas, gozando dunha vida que se quedase na súa aldea non sería posible», detalla Santiago Cortegoso.
O charco de Ulises ten unha escenografía moi versátil. Os actores a actrices vana cambiando en escena continuamente. Para levar a cabo os ensaios contaron, entre outros, cunha adestradora de voz e un profesor de tango, xa que non faltan os bailes nin a música en directo. Agora, despois dos últimos ensaios, «xa estamos desexando que se abran as portas do teatro e que entre o público a velo», destaca Marián Bañobre.
O charco de Ulises será a primeira produción propia do CDG baixo a dirección de Fran Núñez. Seguiranlle Terceiro acto e Serva me, servabo te, todos eles con direccións compartidas. «É unha moi boa idea. Son equipos grandes de traballo, elencos de dez artistas, polo que o feito de compartir a dirección, contrastar, debater as cousas e repartir as tarefas é moi operativo. Aínda que pode ter o perigo de darlle a mesma nota a un actor, xa intentamos poñernos de acordo antes. Na nosa compañía traballamos xuntos e xa estamos afeitos a poñernos de acordo. A pesar de que eu acostumo a estar máis como actriz, adoito aportar ideas porque son moi creativa», afirma Bañobre. Tanto para ela como para Cortegoso «é un reto» e tamén «un agasallo» a proposta do CDG de poñerse á fronte dunha das súas producións. Ademais, para o dramaturgo «é unha alegría poder ver en escena un texto ao que lle dediquei un ano».
Dez actores e música con Xosé Lois Romero
Marián Bañobre e Santiago Cortegoso dirixen en «O charco de Ulises» a unha decena de artistas. Trátase de Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Fran Paredes, Manuel Millán, Inés Salvado Gontad, Paulo Serantes e Chusa Pérez de Vallejo. Ademais, conta con música en directo a cargo de Xosé Lois Romero, que tamén foi o encargado de compoñer a banda sonora. «Estamos moi agradecidos co nivel de implicación», destaca Marián Bañobre, apuntando que moitas veces se quedaban despois dos ensaios co profesor de tango. Tamén incidiu no traballo de Romero, «que aínda que non ten texto, si que interactúa bastante». Nese senso, Cortegoso apunta que «a proposta era moi ambiciosa, o espectáculo é moi complicado, pero tamén foi un reto moi bonito. O equipo funcionou fantasticamente. Son todos marabillosos e marabillosas».