Marisa Vidal: «As mulleres queremos formar parte da toma de decisións na Igrexa»
SANTIAGO

A presidenta de Mulleres Cristiás Galegas «Exeria» afirma que a clave do futuro do catolicismo está en «poñelo no mundo actual»
15 mar 2021 . Actualizado a las 22:54 h.É profesora de Física e Química nun instituto de Vilagarcía a onde se despraza cada día desde O Castiñeiriño. Marisa Vidal Collazo (Corme, 1966) preside Mulleres Cristiás Galegas «Exeria», aínda que se apresura a dicir que o cargo é «demasiado nominalista» e que as actividades da asociación, que cumpre agora vinte e cinco anos, decídense nunha coordinadora. Con motivo do Día da Muller fixeron un acto na Praza da Quintana onde despregaron unha pancarta que dicía «Revolta de mulleres na Igrexa. Ata que a igualdade sexa costume», ao tempo que reivindicaron unha ducia de figuras femininas históricas. «Hai mulleres que coa lectura patriarcal da Biblia quedaron agachadas, por iso cómpre sacalas á luz», segundo advirte. Arredor de sesenta ou setenta persoas conforman actualmente esta entidade cristiá na que nestes anos entrou algunha mocidade.
Marisa Vidal indica que hoxe a Igrexa empeza a tomalas en serio. «As cousas van cambiando pouco a pouco -explica-. Cada vez somos máis mulleres que lemos e facemos teoloxía, as teólogas van tendo cada vez máis espazo nas universidades e unha muller laica preside a Sociedad Bíblica de España». Pero engade que a tarefa que hai por diante é difícil: «Levamos vinte séculos de cristianismo e temos que desmontar un sistema patriarcal que se consolidou nos séculos III-IV. A cousa non é doada, pero do mesmo xeito que na sociedade o traballo do feminismo é un traballo lento e longo».
Inquirida polo trato efectivo que lles dá a curia, responde que non se pode meter a todos no mesmo saco. «Hai sectores moi conservadores que nos ven con cornos e rabo, pero tamén hai sectores sensibles. O propio pensamento teolóxico está mudando moito e hai un impulso de cambio que estamos levando adiante nós. A propia Teoloxía da Liberación era patriarcal cando empezou, ata que se dixo que pasa aquí, onde están as mulleres? Entón cambiou. Xesús sempre tratou por igual a homes e mulleres, e escolleu discípulos e discípulas», indica.
En canto á Igrexa compostelá, Marisa sinala que está agora nun proceso de cambio co recente nomeamento dun novo bispo auxiliar e unha próxima renovación do bispo. «Por iso estamos hoxe aquí [en referencia ao acto reivindicativo da Quintana] pedindo paso as mulleres. Nós queremos formar parte da toma de decisións. O problema que ten a Igrexa agora mesmo é que a toma de decisións só corresponde ás persoas que están ordenadas. Pásalle o mesmo aos homes que non están ordenados, que non participan na gobernanza da Igrexa. Isto cómpre organizalo doutro xeito», conclúe.
Malia que o papa Francisco, na súa opinión, dá un paso adiante e outro atrás, e fai declaracións que «mesmo se poden malinterpretar», Marisa valora a actitude do sumo pontífice en canto ao papel das mulleres. «É un papa que está facendo unha importante reforma na curia e no tema de representación dentro da Igrexa, que aposta polos sínodos, pola colexialidade, e iso a nós gústanos, porque é onde temos voz e opinión», advirte.
Sobre o futuro da Igrexa católica e a vivencia relixiosa, esta muller cristiá defende que a clave está en poñela no mundo actual, «tal como fai» o papa: «Hai que abandonar a linguaxe litúrxica do século XII, que non di nada e non engancha á xente. O cambio que preconizaba o Concilio Vaticano II foi abortado polos papas seguintes, circunstancia que fixo retraerse a moita xente, un desencanto que se manifestou claramente nos anos setenta. Por iso é necesaria unha actualización».