Nos tempos que vivimos non é sostible que unha poboación coma Sigüeiro, de 4.000 habitantes, soporte cada día o paso de algo máis de 22.000 vehículos, dos cales 4.000, un por veciño, son de gran tonelaxe. Isto supón un perigo latente, ruídos constantes e duplicar as emisións de CO2. Por iso defendo unha vía alternativa para ese tráfico denominada Circunvalación de Sigüeiro, que unirá a N-550 desde a rotonda de saída da AP-9 coa estrada de Sigüeiro ao aeroporto.
Esta circunvalación, que foi ben acollida tanto polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana como pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, ten como obxectivos:
1. Desviar o tráfico pesado, que é o máis contaminante, ruidoso e perigoso para a seguridade viaria.
2. Protexer a Ponte Medieval de Sigüeiro, pois de seguir con remendos dentro de pouco xa non lle quedará nada de histórico nin de medieval.
3. Dar unha saída cómoda, segura e rápida ás empresas emprazadas nas catro zonas industriais de Oroso, que suman máis de 600.000 m2 de chan industrial. Uns polígonos que mellorarían a súa conectividade e serían máis atractivos para a implantación de novos proxectos.
4. Protexer o noso medio ambiente e patrimonio. Desde o punto de vista medioambiental, vaise utilizar como base o estudo da alternativa que o Ministerio tiña previsto desde Ordes Sur-Marantes (Santiago). E desde o punto de vista patrimonial xa está case informado, polo que non vai afectar nin a casas nin a castro nin nada polo estilo.
Sei que nestes momentos hai voces que din «por que non aproveitas o enlace da AP-9 e non fas máis estradas?». Non renunciamos a que a AP-9 sexa gratuíta, pero son cousas distintas e unha non implica á outra. A autopista non solucionaría o tránsito local. Non é práctico, nin cómodo e mesmo dubido que ata sexa legal. Que dirían os empresarios dos polígonos e os transportistas se os obrigamos a coller a AP-9 para ir ao polígono da Sionlla, ao do Tambre ou a Costa Vella? Aínda que fose gratis só poderiamos limitar o tráfico pesado no centro urbano de Sigüeiro cunha estrada alternativa.
Por iso, desde este Concello debemos e temos que estar cada día empuxando para que esta infraestrutura, vital para o futuro de Sigüeiro e Oroso, poida ver a luz máis pronto ca tarde.